A xornada dividirase nunha quenda de 10:00 a 14:00 horas para a rapazada dos centros educativos, e outra a partir das 16:00 horas, na que participarán outras entidades e público xeral
Burela, 20 de febreiro de 2024. Co motivo da celebración do Dia de Rosalía este venres 23 de febreiro, as concellerías de Educación e de Cultura do Concello de Burela organizan un Maratón de Lectura que se celebrará no Salón de Plenos.
A xornada dividirase nunha quenda de mañá, de 10:00 a 14:00 horas, na que participarán os rapaces e as rapazas dos centros educativos, e unha quenda de tarde, a partir das 16:00 horas, na que participarán outras entidades e público xeral.
A única premisa do maratón será a lectura de textos en galego, de libre elección polos lectores que se animen a participar.
“Ademais, realizaremos unha selección de poemas de Rosalía para que o público xeral poida desfrutalos neste maratón, abrindo así a nosa biblioteca municipal a toda a veciñanza e achegando a cultura galega”, sinala a concelleira de Cultura, Lina Gómez.
“Para nós son fundamentais as iniciativas deste tipo, coas que promocionamos non só unha figura tan trascendental para toda Galiza como a de Rosalía de Castro, senón tamén o uso da nosa lingua e a defensa nosa propia cultura”, sinala pola súa banda o concelleiro de Educación, Mario Pillado.
“Ademais, cremos que é fundamental concienciar nestas cuestións dende a infancia e a mocidade, e por iso presentamos este formato de Maratón”, engade Pillado.