Foz, 15 de febreiro de 2024. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, di que o Partido Popular intentar enganar aos veciños sobre o ocorrido coa auga da traída de Cordido.
“O PP, unha vez máis, utiliza o peor da política, que é enganar aos veciños. Estamos sendo sempre transparentes e cando hai un problema no abastecemento de auga o primeiro que fai o Concello de Foz é poñelo en coñecemento da veciñanza e tomar as medidas oportunas. Isto significa que se hai niveis de trihalometanos (THM) por encima dos límites permitidos facemos as recomendacións que proceden, que neste caso son non usar a auga para beber e cociñar. Gustaríame que o señor Castiñeira tomara nota e llo trasladara ao seu partido, para que nos concellos onde goberna o PP se fixera exactamente o mesmo”, manifesta o rexedor municipal.
Fran Cajoto aclara que “neste caso en Cordido houbo un problema por un derrubamento dunha ladeira sobre o río, o que trouxo como consecuencia un aumento destes niveis de materia orgánica. E o que estamos a facer desde o Concello é solucionalo”.
O alcalde de Foz engade que “non se pode mentir aos veciños: é absolutamente falso que o Concello poida facer obras na captación de Cordido; de feito o Concello de Foz non obtivo aínda autorización de Augas de Galicia para ningún tipo de obra, como ben saben os veciños de Cordido. Coa legalización da captación o que queremos é desbloquear o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que impide aos veciños de Cordido facer unha vivenda nova nesa parroquia. Castiñeira sábeo ben porque cando foi alcalde deulle para diante ao PXOM a pesar de ter estas limitacións e a pesar de saber que os veciños de Cordido non ían poder facer ningunha vivenda. O que non vai permitir este goberno municipal é que se minta e que se lle queira dar a volta á tortilla. Aquí hai unhas responsabilidades claras e evidentes, que non teñen nada que ver co Concello de Foz.
De feito na reunión que tivemos en decembro, a petición dos veciños de Cordido, trasladóuselles a situación e os veciños son coñecedores da realidade, non só polo Concello senón tamén a través de Augas de Galicia. E o que debe facer o señor Castiñeira é dicir a verdade, ser consecuente, intentar axudar a resolver un problema que deriva da Xunta de Galicia e traballar por Foz”.
Cajoto comenta ademais: “estamos acostumados a que se politice todo, incluso o Entroido de Foz, do cal nos podemos sentir ben orgullosos e para o que obtivemos hai un ano a declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia. Un festexo que ano tras ano vai medrando, o que non é mérito do Concello de Foz senón de todos os entroideiros do noso concello. Intentar manchar un patrimonio de todos é un fraco favor que lle está facendo o PP ao concello de Foz e a todos os focegos. Nós o que facemos é seguir traballando: arranxando camiños, como os que estamos agora mesmo renovando na zona da Baesta, en Vilaronte; mellorando o abastecemento de auga, para o que imos investir máis de 1.200.000 euros nas potabilizadoras de Fazouro e de Cordido, co novo contrato do abastecemento; e sacando a licitación dos distintos contratos que están pendentes. Estamos acelerando o paso porque o concello de Foz ten un déficit importante nas infraestruturas, o que imos arranxando ano tras ano e actuación tras actuación, para seguir mellorando”.
Nova depuradora
O rexedor municipal de Foz tamén se pronuncia sobre as obras para a construción da nova depurada de augas residuais: “esta semana escoitamos á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, botarlle a culpa ao Concello de Foz de que non se iniciaran as obras da depuradora, que levan máis de 6 anos de atraso e das que aínda no mes de outubro do ano pasado se aprobou por parte de Augas de Galicia o proxecto construtivo e para as que está asinada a acta de replanteo desde o 31 de xaneiro deste 2024. O Concello puxo a disposición de Augas de Galicia os terreos para construír a nova depuradora, despois de ser expropiados polo Concello de Foz. O que non se pode é intentar enganar á poboación porque todo o mundo sabe en situación se encontra a depuradora e de quen depende, que é de Augas de Galicia, que os retrasos non son achacables en ningún caso ao Concello de Foz e o que levamos traballado para desbloquear este asunto, solicitando reunións, admitindo retrasos de máis de 6 meses cos distintos organismos dependentes -Portos de Galicia e Augas de Galicia-, xuntanzas que foron todas a iniciativa do Concello”.
Para rematar o alcalde de Foz di que “esta política de bloqueo continuo e de culpas mal tiradas é a que está a facer o PP. Cando é incapaz de xestionar actúa desta maneira torticera. E nós o que facemos é seguir esforzándonos para resolver problemas que levan décadas de atraso no concello de Foz”.

























O espectáculo participativo A verbena de antes -con O Xeito e Airiños da Freba-, ao mediodía, e unha mostra etnográfica e as actuacións de Amado Lar e A Volta do Agro, pola tarde, protagonizaron o último día das Xornadas, pensadas como un punto de encontro da cultural tradicional galega,e especialmente da comarca da Mariña.
Tamén puxo en valor o labor de Fonmiñá e a importancia dunha cita cultural que cumpre 48 edicións. Para Vilalba, a incorporación da actriz ao Paseo do Cine é un recoñecemento que a vila sente como propio.
A actividade permitiu aos nenos e nenas gozar dun espectáculo de maxia pensado para transmitir, dun xeito ameno e divertido, valores relacionados coa igualdade, o respecto, a convivencia e a eliminación de estereotipos. Con iniciativas como “Abrazando a igualdade”, o Concello de Xove continúa apostando por achegar aos máis pequenos actividades educativas diferentes, propostas culturais e de lecer nas que a cultura, a diversión e a transmisión de valores van da man.
Félix Jorquera conversou co alcalde, Fran Cajoto; coa concelleira de Cultura e Facenda, Inés López; con Pura García, que é directiva de Acia Foz-CCA; con Carmen Alonso, presidenta do Celtas de Foz; e coa dona da cafetería Marexada, Palmira Andrade. Con eles fixo balance do verán, que todos valoraron de xeito positivo, e analizou os proxectos para os vindeiros meses.
Trátase dunha viaxe para dúas persoas con estancia de catro noites nun hotel de catro estrelas en réxime de todo incluído, voos e equipaxe. O sorteo tivo lugar o pasado mes de xuño.
A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web
A medida tamén fai que as familias perdan a gratuidad do comedor escolar, asumindo un gasto novo. O Concello reclama recuperar a parada mentres non exista unha alternativa segura e manter tanto o transporte como o comedor gratuíto, pedindo unha solución urxente que non prexudique ás familias de Mántaras.



