García Porto: “Continuamos facendo un gran esforzo investidor para manter e mellorar a rede viaria provincial que, con 4.217 quilómetros de lonxitude, é a máis extensa de todas as Deputacións de España e tres veces maior ca da propia Xunta”
Lugo, 5 de abril de 2024. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres un novo investimento que supera os 800.000€ para acometer obras de mellora en cinco estradas provinciais ao seu paso por oito concellos: Guntín, Friol, Palas de Rei, Cospeito, Paradela, O Saviñao, Antas de Ulla e Sarria. Así o informou a Voceira socialista, Pilar García Porto, despois da reunión semanal do Executivo.
“Continuamos facendo un gran esforzo investidor para manter e mellorar a rede viaria provincial que, con 4.217 quilómetros de lonxitude, é a máis extensa de todas as Deputacións de España e tres veces maior ca da propia Xunta de Galicia”, sinalou García Porto, quen engadiu que o Executivo autonómico conta cun orzamento 115 veces superior o da institución provincial, con 13.257M€ fronte aos 116M€ da Deputación.
Explicou a Deputada que a Xunta de Goberno aprobou a licitación de obras de mellora en tres estradas:
– Na LU-P-2901, que conecta Lugo, polo Burgo, con Palas de Rei, mellorarase un tramo de case 3 quilómetros, ao seu paso polos concellos de Guntín, Friol e Palas, cun orzamento de 277.000€. O proxecto afecta ao tramo do quilómetro 18,445 ao 21,370, e consiste na reapertura de cunetas, tarefas de limpeza e drenaxe, a pavimentación con aglomerado en quente e o pintado da vía con marcas reflexivas brancas e a sinalización vertical. O prazo de execución é de dous meses unha vez iniciadas as obras.
“Este novo investimento na estrada provincial de Lugo a Palas de Rei súmase ó máis de un millón de euros que xa destinou a Deputación a esta mesma vía a través de distintos proxectos ó longo do último mandato”, explicou García Porto, quen sinalou que desta forma “cumprimos coa palabra dada polo Presidente desta institución de renovar completamente esta estrada tan importante, , que beneficia de xeito directo ós veciños e veciñas dos concellos de Lugo, Guntín, Friol e Palas de Rei”.
– Na LU-P-1701, que comunica Feira do Monte con Muimenta, en Cospeito, a Deputación licita obras por 290.000€. Un proxecto que afecta aos seis primeiros quilómetros e que consistirá na limpeza das marxes, drenaxe, estendido de aglomerado en quente e o pintado da vía. O prazo de execución é de dous meses.
– Na LU-P-4201, que dá servizo aos concellos de Paradela e O Saviñao, mellorarase o treito que vai do quilómetro 8 ao 11,850 cun orzamento de 145.000€. Os traballos consistirán no acondicionamento do firme, a reapertura de cunetas, e a repavimentación de zonas degradadas. O prazo de execución é de dous meses.
Por outra banda, a Xunta de Goberno acordou adxudicar por máis de 82.500€ unha obra para a rehabilitación do firme da estrada LU-P-4003, que une os núcleos de Coence e Santa Mariña por Chorexe, no concello de Antas de Ulla. Afectará ao tramo entre o punto quilométrico 4,4 e 5,5 e consistirá na limpeza dos laterais, o estendido de aglomerado en quente e a sinalización mediante o pintado de marcas reflexivas brancas. A adxudicataria é Ovisa Pavimentos y Obras SLU, que aumentou o prazo de garantía en 3 anos e reduciu o prazo de execución da actuación en 15 días, quedando finalmente en mes e medio unha vez iniciada.
No que ten que ver coas estradas, a Xunta de Goberno acordou tamén declarar de emerxencia as obras necesarias para arranxar os danos provocados polas intensas choivas das últimas semanas no punto quilométrico 1,6 da estrada LU-P-5702, de Pedrafita a Vilanova de San Vicente por Sabadelle o seu paso polo concello de Sarria.
“Esta decisión permitiranos actuar de forma máis rápida e eficiente para repoñer o estado da vía porque será a empresa encargada da conservación da rede provincial nesta zona, Construcciones Leonardo Miguélez, a que se encargará dos traballos”, relatou García Porto, quen sinalou que o orzamento estimado é de preto de 69.000€.
Servizo de Teleasistencia
A Xunta de Goberno aprobou a licitación dun contrato por preto de 410.000€ para a prestación do Servizo de Teleasistencia Domiciliaria que ofrece a Deputación de Lugo. Un servizo a través do cal a institución provincial garante atención domiciliaria gratuíta as 24 horas, os 365 días do ano, a cerca de 2.000 veciños e veciñas dos 67 concellos da provincia que teñen dificultades na súa autonomía.
Esta prestación, que favorece a permanencia, o arraigo e a integración no entorno familiar e social destas persoas, consiste na instalación dun dispositivo no domicilio das persoas usuarias que permita a mobilización de recursos ante unha situación de emerxencia, necesidade ou seguimento. “Os usuarios deste servizo e as súas familias viven con máis tranquilidade, pois saben que, a pesar de ter dificultades ou vivir sós, contan cun sistema de chamada para recibir atención en calquera momento”, valorou a Deputada, que explicou que é un dos tres piares da rede de protección social da institución provincial.
O contrato terá unha duración dun ano, con posibilidade de tres prórrogas, sen que a duración total exceda dos catro anos.
Programa de dotación e mellora de servizos comunitarios
Aprobado ademais o último paso administrativo para o pago dunha subvención por 6.000€ á comunidade de usuarios de auga de Louxas, no concello da Fonsagrada, dentro do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios e que serviu para a mellora da traída de augas neste núcleo rural.





















O presidente, José Luis Sáez, agradeceu o apoio da empresa, clave para reforzar os equipos nesta segunda volta e garantir a continuidade da entidade, que segue loitando pola permanencia en Primeira División Iberdrola e Segunda División.
Será na Igrexa de Santa María ás 20:30 h. Debido ao aforo limitado e ao cumprimento da normativa vixente, editaranse entradas que se repartirán no acceso da igrexa o propio día do concerto, onde tamén se realizará o control de acceso.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.
As deputadas do PP lucense no Parlamento galego, Raquel Arias e Nicole Grueira, e a alcaldesa de Cervo, Dolores García, mantiveron na localidade un encontro con mulleres vinculadas ao sector do mar co obxectivo de visibilizar e poñer en valor o seu papel fundamental na economía mariñeira e na vida das vilas costeiras. A reunión serviu como espazo de diálogo e recoñecemento ao traballo que durante anos desenvolveron mariscadoras, redeiras e outras profesionais do sector. As populares manifestaron a súa defensa da igualdade e aseguraron que “sen as mulleres o sector do mar non se atende”.
Será na Explanada do Círculo Habanero, en carpa climatizada. Programa: 13:30: Sesión vermú con Dúo Puma. 14:30: Xantar (fabada, costela con patacas, sobremesa, café e bebida). Prezos: Socios 20 €. Non socios 30 €. Nenos 6–12: 15 €. Menores de 6 anos: gratis. Entradas: domingos 15 e 22 de marzo, de 11:30 a 13:30 no Local Social. Contacto: 682 06 57 07
A feira instalarase na Praza da Constitución e contará con showcookings, catas, música en directo e actividades para todos os públicos. O sábado haberá demostración culinaria con Marcos Pereiro, sesión vermú, talleres infantís e concertos de 9Louro e Mondra. O domingo incluirá showcooking de Miguel Mosteiro, novas catas e a tradicional sesión de baile no Centro Cultural.
Ás 12:00 h, no Parque Ramón de Campoamor, terá lugar o acto institucional de homenaxe. Pola tarde, no Casino de Navia, haberá actividades abertas ao público: 18:00 h – Recital “Poesía que nos une escondida entre renglones”. 19:00 h – Encontro coa escritora Matilde Suárez, Premio “Ría del Eo”. A alcaldesa, Ana Fernández, destacou o compromiso de Navia por recuperar e poñer en valor o legado do poeta e consolidar o concello como referente cultural.



