Trátase do pleno extraordinario celebrado o pasado venres convocado polo alcalde para corrixir novamente máis erros na ordenanza das taxas de ocupación das terrazas
Foz, 15 de abril de 2024. O pasado venres celebrouse en Foz un pleno extraordinario, convocado polo alcalde, o cal o voceiro do Partido Popular, Javier Jorge Castiñeira, calificou como “un pleno surrealista ao máis estilo Cajoto” pois o único punto na orde do día era corrixir novamente erros na ordenanza das taxas de ocupacións das terrazas.
Hai que recordar que poucos días antes celebrouse un pleno ordinario no que xa se aprobara unha corrección desta ordenanza polo que o que se pretendía era facer a corrección da corrección porque, segundo o alcalde, había un erro e había que subsanalo.
“Neste breve período de tempo, desde o PP de Foz detectamos outro erros a maiores o que nos motivou a solicitar que quedara o asunto enriba da mesa”, explica Jorge Castiñeira. “Estábase a redactar unha ordenanza sumamente importante a golpe de correccións e sen ter consenso coa hostalería nin coa oposición e, a pesar de todo isto, o alcalde quería seguir corrixindo erros sobre erros e, só gracias á nosa insistencia, o alcalde finalmente fíxonos caso e deixou o asunto enriba da mesa”, continúa o voceiro popular.
“Isto volve a demostrar a nula capacidade de xestión e a deixadez do equipo de goberno xa que ninguén das 11 persoas que o conforman foron capaces de revisar a correccións de erros dos erros xa cometidos no seu momento”, lamenta o voceiro do PP de Foz.
Polo tanto, celebrouse un pleno extraordinario que non valeu absolutamente para nada e desde o Partido Popular piden ao equipo de goberno que se centren e que escoiten a todos aqueles que lles fan propostas para intentar melloras as cousas.