O Presidente destacou que os concellos “gañarán en proximidade, transparencia e axilidade” coas accións previstas no proxecto, que empeza mañá coa realización de auditorías e estará finalizado despois do verán
Lugo, 16 de abril de 2024. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, mantivo este martes pola tarde un encontro na Casa do Concello da Fonsagrada cos alcaldes da comarca da Montaña para avanzarlles que este mércores arranca a implantación do Impulsa TIC nos 52 concellos que decidiron adherirse a este novo proxecto da institución provincial. Un programa a través do que a Deputación proporcionará gratis ferramentas tecnolóxicas ás entidades locais para avanzar na súa modernización e transformación dixital, e deste xeito, mellorar a xestión municipal e ofrecer un mellor servizo á cidadanía.
Para desenvolver o programa, que estará finalizado despois do verán, a Deputación conta cun investimento de 4,5M€ de fondos que conseguiu da Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.
José Tomé subliñou que con estas ferramentas e equipamentos tecnolóxicos os concellos poderán prestar un mellor servizo público aos seus veciños e veciñas, pois “gañarán en proximidade, transparencia e axilidade na tramitación e na xestión diarias”.
Incidiu o mandatario provincial en que a modernización tecnolóxica da administración “é de capital importancia para a nosa provincia porque ofrecer á xente unha atención máis áxil e ser máis útiles é un elemento esencial para poder fixar poboación no territorio, sobre todo no rural”.
O Presidente incidiu no respecto á autonomía municipal co que a Deputación desenvolve este novo proxecto, pois estivo aberto a todos os concellos de menos de 20.000 habitantes e decidiron voluntariamente adherirse 52. Ademais, foron as propias entidades locais as que lle trasladaron á institución cal é a súa situación particular en materia dixital, o seu punto de partida e as súas prioridades para, a partir de agora, proporcionarlles os recursos máis axeitados a esas necesidades específicas, que se distribuirán do mesmo xeito que o Plan Deputación, seguindo criterios obxectivos.
No acto tamén participou o Deputado de Medio Ambiente e Alcalde da Fonsagrada, Carlos López; o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; e os alcaldes de Navia de Suarna, José Fernández Fernández; e de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico.
Arrancan as auditorías
O responsable da sección de Novas Tecnoloxías da Deputación, Nicolás Fariña, avanzou a folla de ruta que desde a institución provincial se seguirá da man dos concellos para desenvolver os proxectos e avanzar na súa transformación e modernización dixital. Mañá mércores comezan as auditorías da situación informática das entidades locais, con visitas presenciais e telemáticas, que permitirán coñecer o estado de cada concello e detectar así os puntos a mellorar e avanzar. Unha diagnose que se volverá a repetir ao final do programa para avaliar os obxectivos acadados e o avance en dixitalización que logrou cada un dos municipios participantes.
A institución provincial ten en proceso de contratación os diferentes servizos e subministracións necesarias para a execución do Impulsa TIC por un importe que ascende a 4,5M€. Entre as accións a levar a cabo están a dixitalización do Rexistro; a integración do tramitador electrónico coa carpeta cidadá; a implantación de asistentes virtuais nas webs municipais que respondan as dúbidas dos cidadáns as 24 horas ao día; a incorporación de ferramentas de accesibilidades web para persoas con capacidades diferentes; a revisión e mellora do portal de transparencia do concello; a automatización do sistema de actas para os plenos; ou a subministración de equipamentos informáticos como ordenadores ou táblets que permitan a creación de postos de traballo intelixentes, entre outras.
Concretamente, os concellos da provincia adheridos ao Impulsa TIC son: Abadín, Alfoz, Antas de Ulla, Baleira, Barreiros, Becerreá, Begonte, Bóveda, Burela, Castroverde, Cervantes, O Corgo, Cospeito, Chantada, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, O Incio, Láncara, Lourenzá, Meira, Monforte de Lemos, Monterroso, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Ourol, Pantón, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, A Pobra do Brollón, Pol, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Rábade, Ribadeo, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Sarria, O Saviñao, Sober, Taboada, Trabada, Vilalba, Viveiro, Xermade e Xove.
Cooperación cos concellos
“Co programa Impulsa TIC estamos reforzando un dos sinais de identidade da Deputación de Lugo, como é a cooperación cos concellos, un Concello grande que coopera co resto de concellos, de maneira constante, leal e respectando a súa autonomía municipal, para que poidan prestar máis e mellores servizos aos seus veciños e veciñas”.
Neste sentido, lembrou que o Goberno provincial aposta cada ano polo Plan Deputación de Cooperación cos Concellos co que neste 2024 inxectará nos 67 municipios da provincia un total de 21.750.000€ para obras, subministracións, creación de emprego ou financiamento do SAF, entre outras moitas actuacións.
De maneira paralela, detallou José Tomé, e coa vontade de reforzar esa cooperación, “impulsamos proxectos cos que poidamos apoiar aos concellos en ámbitos máis específicos, como pode ser neste caso o da transformación dixital, aforrándolles cartose recursos”.
“Mantemos unha cooperación leal e aberta cos concellos, e respecto á súa autonomía municipal. Así é como actuamos na Deputación de Lugo. Unha maneira de actuar, que, lamentablemente, botamos de menos na Administración autonómica, pois, por regra xeral, o que fai a Xunta é cargarnos cada vez con máis competencias aos concellos, sen transferirnos os recursos económicos necesarios para poder desempeñalas. Unha situación que esperemos que cambie nesta nova etapa do Goberno galego que arrancou onte mesmo”, afirmou.
Polo que respecta á Deputación, remarcou, “o noso compromiso é seguir consolidando a cooperación cos concellos, con todos os concellos da provincia de Lugo, tal e como me comprometín cando tomei posesión como Presidente neste segundo mandato. Reforzaremos a cooperación, na medida das posibilidades e dos recursos dos que dispoñamos na institución provincial, para mellorar o día a día dos concellos e, polo tanto, dos veciños e veciñas aos que servimos, que é o noso obxectivo prioritario como Administración”.





















O luns 30 de marzo ás 18:00 horas darán comezo as visitas guiadas polo casco histórico de Viveiro, conducidas polo historiador Xesús Martínez e organizadas polo CCHV coa colaboración da Xunta de Cofradías da Semana Santa. Antes da primeira visita, ás 17:30 horas, realizarase unha breve presentación na Praza Maior, diante da porta do Concello. No acto participarán José Veiga, en representación da Xunta de Cofradías, Cristina Rodríguez, presidenta do CCHV, e o propio Xesús Martínez.
O alcalde, Pedro Fernández, salientou o seu impacto turístico e deportivo. A edición inclúe un atractivo especial: a Concentración da Selección Española OPEN, que adestrará en Tapia do 1 ao 6 de abril. O Goanna Pro é a segunda proba da Liga PRO, garantindo un nivel competitivo máximo. Datas: Semana Santa 2026. Lugar: Praia de Anguileiro. Destacado: Concentración da Selección Española (1–6 abril).
O delegado destacou a consolidación do evento como referente cultural na Terra Chá. O festival contará con Caamaño & Ameixeiras, Ulex e La Txama, ademais de actividades lúdicas. A cita será no campo da feira de Gontán, con entrada gratuíta.
A mostra reúne unha ampla selección de obras inspiradas na vida, a paisaxe e a identidade mariñá. O acto inaugural celebrarase o domingo 29 de marzo ás 18:00 horas e contará cunha actuación especial da chelista Amanda López López.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.



