Ribadeo, 19 de xuño de 2024. Os establecementos asociados a Acisa repartirán 160.000 rifas entre o 21 de xuño e o 14 de xullo, xornada na que terá lugar o sorteo da viaxe a Cuba no marco do Ribadeo Indiano 2024. Será tras o remate do concerto que Vicente García ofrecerá na rúa San Roque.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, manifestou: “dende Acisa quixemos poñer os máximos recursos posibles a disposición dos nosos socios e socias para contribuír a facer o mellor Ribadeo Indiano posible e deste xeito dinamizar a economía local. E por iso neste 2024 volve o sorteo dunha viaxe para dúas persoas a Cuba. Somos conscientes do éxito que tivo esta iniciativa De Ribadeo a Cuba nas edicións pasadas e consideramos que non podía faltar este ano. Será a cuarta vez que desde o Ribadeo Indiano enviemos ás Américas a unha parella no mes de setembro. Dende Acisa estamos a traballar para premiar e fidelizar as compras na nosa vila nunha época na que comezan as rebaixas e aumenta a afluencia turística e sen dubida este sorteo axuda”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “a viaxe que se sortea é para dúas persoas e será para desfrutar do 8 ao 15 de setembro de 2024. O premio cubre o vo Madrid-Habana-Madrid, así como as estancias en hoteis de 5 estrelas (aloxamento e almorzo) tanto en La Habana como en Varadero, o visado a Cuba e o seguro básico de viaxe, entre outros complementos extra”.
Pérez Prada indicou que “participar no sorteo é moi sinxelo. As rifas estarán a disposición dos clientes nos establecementos asociados a Acisa do 21 de xuño o 14 de xullo. O único que teñen que facer é pedir as rifas tras o gasto realizado. As papeletas deberán ir debidamente seladas polos establecementos. O sorteo De Ribadeo a Cuba será presencial o dia 14 de xullo tras a actuación de Vicente García. É moi importante destacar e incidir en que a rifa debe conservarse ata o mesmo 14 de xullo e que ese día de 12 da maña a nove da noite, as persoas que teñan rifas no seu poder, deberán introducilas na urna que estará instalada fronte aos Cocos. Na urna deberá quedar a parte pequena da rifa co selo do establecemento e haberá que conservar a parte grande para o sorteo. Non serán validas as papeletas sen o selo dos negocios. As bases do sorteo están dispoñibles na web e redes sociais do Ribadeo Indiano e de Acisa. Tamén figurarán na rifa e no cartel identificativo dos establecementos asociados as normas básicas”.
O xerente de Acisa engadiu: “este ano editáronse 160.000 rifas, son 10.000 mais que o ano pasado debido ao éxito do sorteo. Sendo moi prudentes, facendo unha media de 4 rifas por compra e unha media de 40 euros de valor de cada compra estariamos a falar de que so co sorteo estariamos xerando 1.600.000 euros de impacto na economía local de Ribadeo nas tres semanas que dura campaña”.
Cruzado Iglesias, a presidenta do colectivo empresarial, tivo palabras de agradecemento para as administracións e para os patrocinadores: “quero agradecer de forma especial, en primeiro lugar ao Concello de Ribadeo, co que seguimos a coorganizar o Ribadeo Indiano e que continúa confiando nesta actividade tan exitosa e á Xunta de Galicia,que cofinancia esta acción de dinamización comercial. E tamén quero dar as grazas aos nosos patrocinadores, de forma moi especial, a Cervexas Alhambra, que colabora co Ribadeo Indiano na súa liña de compromiso por apoiar todas aquelas experiencias únicas pensadas para desfrutar sen prisa e dedicando a cada cousa o tempo que se merece; ao Banco Sabadell e a Caixa Rural, que afianzan e aumentan a súa colaboración con nos, e a Vitaldent e o Restaurante Marinero, que se incorporan como patrocinadores do Ribadeo Indiano nesta edición. Sen a súa inestimable axuda non poderiamos poñer en marcha este sorteo”.
A presidenta de Acisa subliñou: “dende Acisa Ribadeo queremos resaltar o noso compromiso coa organización do Ribadeo Indiano e como consecuencia co traballo en estreita colaboración co Concello de Ribadeo para levalo a cabo. Ambos aportamos o que somos capaces, cada un dende as súas posibilidades, para levar a cabo un gran evento que dinamice a economía local e fomente o turismo neste municipio”.
A concelleira de Turismo, Marta Saiz, indicou que “o Concello e Acisa traballamos desde hai meses estreitamente na organización do Ribadeo Indiano, que será unha cita moi especial neste 2024. Contaremos cun amplo programa de actividades, que xa están en marcha coas vésperas e as anvésperas, das que xa gozaremos estes días e ata a primeira fin de semana do mes xullo. O programa deste ano inclúe importantes novidades como a merenda campestre e o concerto de Roi Casal en Pedro Murias o día 6 ou o espazo gastronómico do que disporemos no centro social para poder atender á grande demanda existente do 12 ao 14 de xullo e que a maioría da xente que veña ao Ribadeo Indiano esas xornadas sen reservas previas poida comer aquí, sen necesidade de ter que desprazarse a outros lugares. Este importante evento culminará no barrio indiano de San Roque co concerto de Vicente García e co sorteo da viaxe a Cuba para dúas persoas o día 14”.
A edil ribadense engadiu que “contaremos con alicientes dabondo do 12 ao 14 de xullo para celebrar ao grande o noveno Ribadeo Indiano. Atoparémonos polas rúas, polas prazas, polas casas de comidas e de bebidas e por calquera recuncho da nosa vila”.
No acto de presentación do sorteo da viaxe a Cuba participaron a presidenta, o secretario e o xerente de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, Felipe Fernández e Jesús Pérez, a concelleira de Turismo, Marta Saiz, así como Jesús González, responsable do Banco Sabadell en Ribadeo e José Luis Puente, xestor comercial de Alhambra.






















No acto intervirán o autor e Xoan Ramón Fernández Pacios, cronista oficial de Foz. A actividade está organizada pola Federación de Librarías de Galicia en colaboración co Concello de Foz.
O alcalde, Dani Vega, fixo un balance moi positivo: “foi un concerto moi especial nun marco espectacular, como é a igrexa parroquial de Ribadeo, e no que o gaiteiro Carlos Núñez encandilou aos asistentes co seu repertorio. Todos os asistentes disfrutámolo moito”. Xunto a Carlos Núñez estiveron o rexedor e as concelleiras de Cultura, Turismo e Seguridade, Begoña Sanjurjo, Marta Saiz e Montse Seijo.
Durante case dúas horas desenvolveuse unha conversa aberta arredor do mundo do espírito e do contido da obra, nun encontro ao que asistiu un grupo numeroso de persoas dispostas non só a escoitar, senón tamén a dialogar e compartir reflexións. Tras a intervención inicial de Pepe Peinó como responsable do proxecto, tomou a palabra o escritor Lionel Rexes, quen achegou novas perspectivas antes de abrir o debate ao público. As opinións, argumentos e matices sobre relixión, espiritualidade, Deus e os valores que sustentan a convivencia foron enchendo o espazo nun ambiente participativo e respectuoso, no que as diferenzas quedaron en segundo plano fronte á forza do diálogo, a solidariedade e o afecto.
Foron os propios implicados quen contactaron co 112 Galicia pasada a medianoite deste domingo. O vehículo no que viaxaban saíuse da vía na LU-132, en Cabarcos, Barreiros. A posición na que quedou o coche, inclinado sobre un terraplén, complicou o acceso dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, por iso, os xestores do Centro Integrado de Artención ás Emerxencias de Galicia avisaron aos Bombeiros de Barreiros. Finalmente, só tiveron que rescatar a un dos dous ocupantes, o copiloto, e, para iso, tiveron que cortar os asentos. Do mesmo xeito, o equipo médico só trasladou a unha persoa.
A iniciativa xurdiu co obxectivo de xuntar o alumnado que coincidira na EGB, pero axiña se ampliou a todas aquelas persoas que compartiron pupitres e amizades tamén no instituto.
O público, totalmente entregado de principio a fin, amosouno cos intensos e prolongados aplausos que acompañaron toda a actuación. Ao remate, os asistentes expresaron o seu desexo de poder gozar no futuro de novos concertos do artista, que sen dúbida volverán entusiasmar ao público.
Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.



