A presidenta provincial, Elena Candia, fixo balance da actividade neste curto período de sesións xunto aos compañeiros, os deputados lucenses no Parlamento de Galicia
Lugo, 1 de agosto de 2024. Os deputados lucenses no Parlamento de Galicia fan balance deste período de sesións poñendo en valor “un traballo constante co que damos traslado á cámara galega de propostas demandadas polos lucenses e nos interesamos polos distintos asuntos que afectan á provincia. Hoxe damos conta dese traballo nun exercicio de transparencia e respecto aos lucenses que nos elixiron de forma maioritaria para representalos no Parlamento de Galicia”, explicou a presidenta provincial do PP e deputada autonómica, Elena Candia.
A pesar de ser un período de sesións curto, foron un total de 272 iniciativas entre Proposicións Non de Lei en Pleno ou en Comisión, preguntas e solicitudes de documentación en diversos ámbitos coma o medio rural e o mar (sectores importantes para a provincia), reivindicacións no ámbito do emprego, a enerxía e a industria e propostas en materias de Política Social e Sanidade.
Neste ámbito, o Grupo Popular traballa con responsabilidade e insiste en “buscar solucións á falta de médicos que, a pesar de afectar a toda España, non conta con esa sensibilidade por parte do Goberno”. Os populares lograron aprobar no Parlamento de Galicia iniciativas para demandar ao Goberno de Pedro Sánchez que permita ás comunidades autónomas formar e contratar máis médicos; que no CIS de Lugo se poidan formar médicos MIR ou unha lei de medidas urxentes para a incorporación de médicos a postas de difícil cobertura en centros de saúde e hospitais comarcais mediante concurso. “Pero PSOE e BNG votaron en contra: só lles interesa a Sanidade para facer oposición”, subliñaron.
Os deputados lucenses tamén están a facer seguimento dos investimentos da Xunta de Galicia para a mellora de infraestruturas e servizos: o CIS da Residencia (que supuxo un investimento de máis de 16,5M€), a reforma dos centros de saúde de Meira, A Milagrosa, o PAC de Outeiro de Rei e a construción de novas centros en Pantón, Becerreá e no Sagrado Corazón; ademais de adquirir material para o centro de saúde da Fonsagrada, a Unidade de Ictus en Lugo e o Hospital da Mariña.
En materia de Política Social os deputados lucenses interesáronse, entre outros temas, polas novas prazas públicas en centros de maiores, os programas Xantar na Casa ou Respiro familiar e a “falta de cumprimento por parte do Goberno do Estado polo financiamento do 50% que lle corresponde pola Lei de dependencia”.
En relación ao medio rural os lucenses lideran iniciativas para a posta en valor da terra (aldeas modelo, polígonos agroforestais ou concentracións parcelarias), a prevención e loita contra os incendios forestais e a recuperación de zonas afectadas polo lume, a modificación do Real Decreto que regula as explotacións avícolas de autoconsumo ou o novo servizo de matadoiro móbil.
Tamén se preocupan polo outro sector primario destacado na provincia a través da transformación da cadea mar-industria e do impulso da actividade marítimo-pesqueira. Así coma da evolución da “comprometida situación de Alcoa ante a pasividade do Goberno por ofrecer un marco enerxético competitivo que garanta a actividade” e de proxectos industriais coma o de Altri e Endesa-As Pontes.
Os deputados populares están moi pendentes da “discriminación” do Goberno de Pedro Sánchez á provincia e teñen proposto “acordos en materia de infraestruturas do Estado adoptados algúns deles por unanimidade que, en moitos casos, o PSOE non cumpriu e o BNG non esixiu que cumpran”: a reivindicación para a chegada da alta velocidade a Lugo, a reconstrución simultánea dos viadutos do Castro, a aceleración dos tramos pendentes da A-54 (Lugo-Santiago) ou a reparación integral das autovías. Os populares teñen advertido do abandono por parte do Ministerio das estradas nacionais (como a N-634, a N-120…) que agora queren corrixir con bacheos puntuais e non renovacións integrais do firme”.
LUGO CIDADE
Os representantes lucenses na Cámara galega interésanse pola construción de vivenda pública na cidade de Lugo, a declaración de Ámbito de Rexeneración e Renovación Urbana para a zona de Agro do Rolo, na Milagrosa, ou a planta de xestión de residuos orgánicos e biometanización.
Así mesmo preguntan pola remodelación prevista para o Anxo Carro, os novos servizos do CIS ou a renovación do centro de saúde da Milagrosa e lograron aprobar unha iniciativa para pedir ao Goberno central impulsar as obras nos tramos pendentes para rematar a A-54.
PROTAGONISMO DOS DEPUTADOS LUCENSES
Os deputados lucenses no Parlamento de Galicia cobran protagonismo con responsabilidades en áreas de interese para a provincia como a da presidenta provincial e vicepresidenta do Parlamento, Elena Candia; ou as portavocías de Cristina Sanz (viceportavoz do Grupo Popular e portavoz de Facenda e do Consello de Contas), José Manuel Mato (Medio Rural), Raquel Arias (Política Social), Enrique Barreiro (Gandería), Encarna Amigo (Sanidade), Nicole Grueira (Xuventude) e Katy Varela (Exteriores e Cooperación).



















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



