Madrid, 9 de setembro, 2024. Ante os problemas de falta de visibilidade e seguranza viaria, Néstor Rego rexistra iniciativas demanda a Transportes axiliar os trámites
“A que se debe a demora nunha mellora que foi aprobada hai tempo? Comparte que a N-634 non está en condicións de absorber o tráfico da A.8 cando se fecha á circulación? pregunta o deputado do BNG
Á MESA DO CONGRESO
O deputado do BLOQUE NACIONALISTA GALEGO (BNG), Néstor Rego Candamil, adscrito ao GRUPO PARLAMENTAR MIXTO, ao abeiro do estabelecido no artigo 185 e seguintes do Regulamento do Congreso dos Deputados, formula as seguintes preguntas dirixidas ao Goberno para a súa resposta escrita relativas á necesidade de axilizar a instalación da solución técnica que garanta a circulación segura no Alto do Fiouco na A- 8.
En xullo de 2014 producíase un tremendo accidente na autovía A-8 no tramo situado entre A Carreira no Concello de Abadín e Lindín no Concello de Mondoñedo, no Alto do Fiouco, que causou a morte dunha muller e case 50 feridos despois dunha cadea de colisións debido á nula visibilidade pola mesta néboa.
Ese accidente alertou sobre a necesidade de adoptar medidas no citado traxecto en que as intensas néboas son moi frecuentes, especialmente entre a primavera e outubro. Porén, no deseño e configuración da autovía A-8 ao seu paso polo Alto do Fiouco non se tiveron en conta as características xeográficas e climáticas propias da zona.
En 2015 o Ministerio abriu un proceso para a proposta de solucións técnicas avanzadas destinadas a mellorar a visibilidade e a seguranza na condución. Entre todas as opcións innovadoras o Ministerio optou por un sistema de luces láser, porén, aínda parece estar en fase de redacción o proxecto dez anos despois do terríbel accidente.
Neste tempo, foron habituais os fechamentos neste tramo de autovía polas néboas e o desvío do tráfico por unha N-634 que non está en condicións para absorber o tráfico debido ao mal estado do seu firme ademais da falta de capacidade para o tránsito de miles de vehículos.
A presión política e social levou ao Ministerio a adoptar unha medida provisional coa instalación das denominadas “balizas intelixentes” con luces led nas marxes da vía que reduciron os cortes na A-8 mais non é a solución definitiva que se demanda a un problema que é estrutural pola mala configuración da autovía e o seu trazado.
O sistema elixido polo Ministerio implica a instalación de luces láser que indican unha liña pola que circular e que tamén incorporan sensores que avisan doutros perigos. É o momento de axilizar a solución técnica seleccionada para que se poida conducir con seguridade por unha vía que foi pensada para liberar de tráfico a vetusta N-634.
Polos motivos expostos, o BNG formula as seguintes preguntas ao Goberno:
1. En que estado de tramitación se encontra o proxecto para instalar un sistema innovador de luces láser no tramo da A-8 no Alto do Fiouco para paliar os problemas de falta de visibilidade e de inseguridade viaria polas frecuentes néboas, fenómeno climático endémico na zona?
2. Non deberían axilizarse os trámites para a instalación desta solución técnica que leva anos de retraso? A que se debe a demora nunha mellora que foi aprobada hai tempo?
3. Que disposición ten o Ministerio a imprimir unha maior velocidade á instalación deste necesario sistema para poder circular pola A-8 sen risco e sen necesidade de cortar o tráfico polas néboas?
4. Comparte que a N-634 non está en condicións, debido ao seu mal estado, de absorber o tráfico da A-8 cando se fecha á circulación?





















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continúa con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.


