Mondoñedo, 13 de setembro, 2024. A asociación Gaita Escola de Mondoñedo organiza este sábado 14 de setembro a “XII Xuntanza de Cantos de Taberna”. O encontro terá lugar ás 20:00h onde 13 grupos de diferentes puntos de Galicia cantarán e tocarán polos bares e tabernas. O evento está máis que consolidado e a organización conta con xuntar ao redor 160 participantes entre músicos e cantareiros/as.
Nesta edición propoñen iniciar a xornada cun obradoiro de iniciación ao baile tradicional que se impartirá ás 17:30h na Praza do Concello. É unha actividade aberta a todos os públicos e de balde onde se poñerán en práctica os principais puntos de muiñeira e xota.
Pero aínda hai máis, Gaita Escola convida a seguir a festa cunha foliada aberta na Praza do Concello a partir das 23:30h onde todo o mundo ten cabida para tocar, bailar e gozar coa música tradicional.
A organización quere agradecer á hostelería mindoniense a súa participación: A Taberna da Galiana, A Taberna do Valeco, Abadía, Bar Castro, Bodegón A Catedral, Faragullas, O Palique, O Petisco, O Porriño, O Rei das Tartas, O Rincón de Mondoñedo e Vinoteca Segundo. Asi mesmo, ao Concello de Mondoñedo, á Deputación Provincial de Lugo, á asociación cultural O Pasatempo e Vinos Rico xa que entre todos fan posible o evento.
Por último, recordar que todo isto enmárcase nas festas patronais que Mondoñedo celebra na honra da Virxe dos Remedios os días 14, 15 e 16 de setembro.






















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



