O Pleno deste martes aprobou unha moción socialista para que o Executivo autonómico impulse o pleno desenvolvemento dos servizos públicos no rural centrados na conciliación, formación e impulso da innovación no emprendemento feminino
Lugo, 29 de outubro de 2024. A Deputación de Lugo esixiralle á Xunta de Galicia que poña en marcha un plan de apoio ás mulleres do rural centrado en adoptar medidas que favorezan a conciliación, a formación e o emprendemento feminino. Así se acordou no Pleno ordinario do mes de outubro celebrado este martes no Pazo de San Marcos, tras a moción do PSdeG, que foi aprobada cos votos a favor dos socialistas, do BNG, e coa abstención do PP.
O Presidente, José Tomé Roca, argumentou antes da sesión plenaria que “a Xunta de Galicia ten o rural abandonado, sen políticas de axudas para que a muller se quede e teña a oportunidade de crear o seu propio ciclo vital no rural, tanto de traballo como para ter unha familia se o desexa. Iso preocúpanos porque hai datos que indican que as cidades máis grandes crecen a costa das pequenas, pero sobre todo a costa das mulleres, e iso é unha moi mala noticia”.
Nese sentido explicou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, que Lugo perdeu uns 100.000 habitantes nos últimos 50 anos e que desde o 2008, unha media de 1.700 mulleres mudan de residencia dentro da provincia. Un movemento que, en xeral, se produce desde os núcleos rurais de menor tamaño cara as cidades máis poboadas. “Os expertos aseguran que de cada tres persoas que hoxe abandonan o rural no noso país, dúas delas son mulleres”, expuxo.
Concellos como Navia de Suarna ou Cervantes perderon case a metade da súa poboación feminina en 20 anos; e outros como As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Samos, O Incio, Muras ou Pobra do Brollón entre un 40 ou 45%. E outros como Portomarín, Ribas de Sil, Mondoñedo, O Saviñao o Antas de Ulla viviron neste tempo un descenso da poboación feminina superior ao 30%. “Só os concellos de Lugo, Outeiro de Rei, Burela, Foz, Ribadeo e Sarria viron incrementada esta porcentaxe”, destacou a Deputada.
“Dende o Grupo Provincial Socialista de Lugo vimos denunciando de xeito reiterado que o deterioro dos servizos públicos no rural afecta de xeito preferente ás mulleres. E que se converte nun factor que incentiva o despoboamento, porque unha familia non pode vivir sen médico, ou conformar cunha escola mal dotada”, argumentou García Porto. Defendeu que desde a Deputación de Lugo “vense desenvolvendo accións de apoio ás mulleres do rural, tanto no eido de impulsar servizos sociais como as residencias de persoas maiores, como no que ten que ver coas medidas de formación e apoio ás emprendedoras do rural”, ao tempo que lamentou a “falta de interese e o abandono da Xunta”.
O texto da moción aprobada reclama, neste sentido, un impulso ao desenvolvemento dos servizos públicos no rural, en plena igualdade coa carteira de servizos que se poñen a disposición da veciñanza nas cidades; o desenvolvemento dunha rede de escolas infantís públicas que facilite a conciliación familiar; unha liña de investimentos e créditos específica, destinada a facilitar a innovación ou a modernización das iniciativas xa atendidas por mulleres; o deseño de cursos de formación deseñados en clave de xénero; garantir aos concellos os medios suficientes para que os servizos de prevención da violencia de xénero e atención ás vítimas se desenvolvan con plenitude no rural.
Medidas de fomento do uso do galego
O Pleno tamén sacou adiante unha proposta de Goberno e outra moción do PSdeG encamiñadas a pedirlle á Xunta de Galicia medidas de fomento do uso do galego ante o “fracaso” da actual política lingüística. Ambas iniciativas saíron adiante cos votos a favor dos socialistas, do BNG, e coa abstención do PP.
Segundo valorou Tomé Roca, “sobran argumentos para defender que a política lingüística da Xunta de Galicia é nefasta. Os galegofalantes baixaron enormemente e non o dicimos nós, o di un organismo propio da Xunta de Galicia”. García Porto fixo referencia aos datos do Instituto Galego de Estadística (IGE) que amosan que nos últimos 20 anos a porcentaxe de xente que só falaba galego caeu do 43% ao 24%. E que a falta de uso e coñecemento dos nenos e nenas entre os 5 e os 14 anos resulta “especialmente preocupante” porque o 32,44% di saber falar “pouco ou nada na súa lingua”.
Co acordo adoptado no Pleno, a institución provincial esíxelle, entre outras cuestións, ao Executivo autonómico que derrogue do decreto 79/2010 e que aprobe un novo texto que asegure os máximos niveis de docencia en galego en todas as etapas educativas; asegurar o pleno dereito de uso do galego, coa atención e a oferta correspondente, en todo tipo de servizos; recuperar o papel normalizador da TVG; fortalecer o sistema literario e editorial; ou apostar por unha oferta positiva en galego en todos os servizos da administración pública.
Granxa de Porco Celta na Finca Gayoso
O Pleno tamén sacou adiante por unanimidade unha proposta de modificación do Orzamento 2024, vía suplemento de crédito, por un importe de 1.057.404,26€ para poder levar a cabo a construción dunha explotación de Porco Celta na Finca Gayoso Castro. Esta dotación, que anunciara o Presidente hai apenas unhas semanas, farase con cargo á liquidación positiva, ingresada en agosto, do exercicio 2022.
Así o informou na sesión da mañá a Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López, que recordou que este proxecto da institución provincial terá o obxectivo de fortalecer o sector primario e a formación, e contribuirá a manter “un rural vivo e dinámico”.























O evento celebrarase este sábado 25, de abril, na capital lucense. Durante a xornada matinal, o alumnado asistirá a clases impartidas por profesionais de distintas disciplinas, tanto do ámbito da danza clásica como da moderna. Pola tarde, ás 19:30 horas, o grupo da EMMeD subirá ao escenario do Auditorio Gustavo Freire xunto aos demais centros convidados, nunha actuación que servirá como peche desta xornada de convivencia e intercambio artístico.
Un home perdeu a vida este xoves tras sufrir un accidente cunha res no lugar de Carelle Grande, na parroquia do Burgo (Muras). O suceso tivo lugar sobre as 19 horas, cando un familiar deu a voz de alarma ao 112 Galicia e explicou que o implicado fora aplastado polo animal. De inmediato, activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que desprazaron ao punto o helicóptero medicalizado con base en Santiago, e a Garda Civil. Unha vez alí, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento do home.
Con motivo desta conmemoración, o Concello anima á veciñanza a participar no Certame do Día do Libro, unha iniciativa pensada para fomentar a creatividade en todas as idades. Categorías do certame: Infantil (3-6 anos): creación dun marcapáxinas orixinal. Primaria (7-11 anos): continuación dunha historia proposta. Adultos (12+ anos): relato, anécdota familiar ou continuación da historia proposta. Data límite: 30 de abril. Envío por correo: prensa@concellodecervo.com. Envío por WhatsApp: 683 315 939
A directora, Ana Traseira, e o brand manager, Carlos García, representaron ao centro lucense, que presentou a experiencia “A comunicación: unha nova ponte cara Lugo”, recoñecida co Accésit do Consello Social da UNED 2025. O proxecto destaca pola súa aposta pola innovación, a proximidade e a mellora continua na relación coa contorna. A UNED de Lugo agradeceu a oportunidade de participar nun espazo que reforza a colaboración e contribúe a construír unha universidade máis conectada, accesible e comprometida.
Varios grupos participan en obradoiros de cestería na Devesa e de manualidades en Rinlo, Cinxe e As Anzas. A Área de Benestar Social, Saúde e Familia quere “potenciar deste xeito a convivencia e encher de propostas os locais sociais do noso concello e de entretemento ás persoas que viven nas parroquias de Ribadeo”.
Fixoo no marco do Campionato Galego de Coctelería celebrado no Hostal dos Reis Católicos.



