O ambiente chegou cedo á Praza da Constitución e consolidouse a media mañá, cando se fixo a entrega de premios na que resultaron gañadores cinco criadores diferentes
Vilalba, 21 de decembro de 2024. A actividade na Praza da Constitución de Vilalba comezou hoxe a primeira hora da mañá coa vista posta nunha das xornadas máis importantes do calendario vilalbés: a Feira do Capón, que consolidou o seu éxito e rexistrou máis dun milleiro de visitantes.
Ás 10 da mañá a carpa na que se atopaban os 39 criadores e criadoras de capón abría as súas portas e comezaban a rexistrarse as primeiras vendas. Os máis madrugadores non quedaron sen o seu agardado capón. Nesta edición, había censados para a feira máis de 1.120 exemplares, dos que ás dúas da mediodía, só quedaban as cestas de vimbio nas que viñan preparados.
“O ambiente chegou cedo á Praza da Constitución, dende primeira hora a feira estivo moi animada e a media mañá fixemos entrega dos tradicionais premios da man de María Lamela” explicou a concelleira de Feiras e Mercados, Paula Vigo, quen este ano introduciu como novidade a animación musical da cita, a cargo de Brassica Rapa.
Resultaron premiados cos prestixiosos galardóns da Feira do Capón: Oliva Souto, polo maior número de exemplares traídos á feira; María Carmen Barro, mellor criadora; Oliva Souto, mellor par de capón; e María José Castro, mellor cesta. Aos que se sumaron o premio especial para novos criadores outorgado a Graduín Lamelas SC de Goiriz, Cristina Montouto de Lanzós e María José Castro de Oleiros.
Ademais da xornalista vilalbesa, María Lamela, tamén estiveron presentes no acto de entrega de premios o deputado provincial Carlos López, alcalde de A Fonsagrada; a subdelegada do goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias e representantes de todos os partidos presentes na corporación municipal, entre outras autoridades.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, aproveitou a súa intervención para poñer en valor a singularidade do capón, que “leva o nome de Vilalba polo mundo, grazas ao traballo e á tradición dos nosos criadores e criadoras, e iso merece un gran recoñecemento”.
Ademais, agradeceu o galardón que o Consello Provincial de Turismo lle outorgou á Feira do Capón recentemente e sobre a declaración da mesma como Festa de Interese Turístico de Galicia asegurou que “no Concello levamos xa varias semanas traballando na preparación dun informe para presentar unha nova solicitude e agardamos, de corazón, que nesta ocasión se nos conceda”.
Á nota musical sumáronse outros atractivos imprescindibles para incrementar o ambiente da feira: postos de produtores locais de Vilalba e da comarca da Terra Chá, un fotomatón para levar un recordo da feira e unha foodtruck na que se repartiron máis de 300 racións gratuítas con distintas preparacións do capón de Vilalba.





















A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



