Juninho adiantou en dúas ocasión aos mariñaos, pero os noieses lograron o empate cando só restaban 34 segundos para o final
Burela, 4 de xaneiro, 2025. Burela FS e Noia Portus Apostoli asinaron táboas na súa primeira cita na máxima categoría. O encontro, con goles, ocasións, polémica e expulsións como un bo derbi que era, foi dominado no marcador durante moitos minutos polo cadro mariñao, pero os visitantes acabaron igualando a 34 segundos cun gol de Pirata cando os laranxas xogaban en inferioridade pola expulsión do chileno Araya.
O encontro comezou con disparos de Diego e Pirata que resolvía sen apuros Kaluza, pero adiantaríase o equipo local no seu primeiro achegamento á meta noiesa a través dun penalti moi protestado polos visitantes. Rubi derrubaba a Rikelme, os colexiados sinalaban a infracción e Juninho non desaproveitaba a oportunidade desde os 6 metros enganando por completo a Schütt.
Os coruñeses responderon ao tanto cun tiro de Diego ante o que metía un bo pé Kaluza. Malaguti, no minuto 6, remataba demasiado alto despois de desfacerse dun futbolista do Noia e no 9 era o porteiro internacional polaco o que volvía aparecer para rexeitar un intento de Rubi á saída dun córner. Tras este, o Burela armaba unha contra fulgurante e David Pazos chegaba en última instancia para interpoñerse nun lanzamento de Charly que xa tomara o camiño da portería local.
Antes de entrar nos últimos minutos, Schütt aparecía para cortar un tres contra dous dos mariñaos e respondían os noieses por mediación de David Pazos cun bo disparo desde a ala esquerda, pero volvía aparecer Kaluza. Aínda que o Noia tiña máis presenza en campo contrario, o cadro local dispuxo de dúas grandes ocasións para o 2-0. Na primeira Araya plantábase ante Schütt e probaba cunha ‘picadiña’, pero interviña o meta brasileiro. Na segunda, Pitero, só no segundo pau, non conseguía rematar entre os tres paus da portería noiesa tras un bo servizo de Araya.
Cando o dominio e as ocasións eran locais chegaba precisamente o empate coruñés. Caracoleaba Raggiati diante un futbolista laranxa e finalizaba desde uns dez metros cun disparo seco e abaixo ante o que nada podía facer Kaluza. O primeiro tempo pechábase con empate e cun disparo ao lateral de Rikelme e un cabezazo de Pirata que se ía por pouco tras aproveitar un desprazamento en longo.
O segundo período comezou de novo cos locais marcando rápido. Rubi vía a segunda amarela e os discípulos de David Rial aproveitaban a superioridade para marcar a través de Juninho, que recollía en boca de gol un rexeite a un tiro de Isma e batía por segunda vez na tarde a Schütt.
A partir de aquí, o Noia dominaba territorialmente, pero o Burela xeraba perigo á contra. Garrincha cruzaba moito ante Kaluza no minuto 23 e posteriormente aparecía David Pazos para desviar un disparo perigoso de Charly. Á saída dese córner, Araya remataba desviado de cabeza. Kaluza volvía realizar unha gran parada para evitar o empate no minuto 26 e Rikelme desviaba despois coa cabeza unha falta botada por Pirata. Superado o ecuador do segundo tempo, Pirata remataba rozando o pau e o Burela respondía cunha contra conducida por Araya, que cedía para Malaguti e este remataba alto.
O derbi seguía con alternativas e agora era Garrincha o que estaba a piques de empatar, pero Kaluza volvía sacar con moitos apuros un pé para rexeitar o remate do brasileiro. A 3:50 da conclusión, o banco visitante apostaba polo xogo de cinco con Raggiati como porteiro-xogador. Defendeuse ben o cadro local, cun bo pé a disparo de Kaluza xa dentro dos dous últimos minutos de xogo. Con todo, Araya vía a segunda tarde amarela e o Noia, que seguiu xogando con cinco en ataque, aproveitaba a dobre superioridade ofensiva para anotar o empate a 34 segundos da conclución cun disparo cercano de Pirata ante o que nada puido facer Kaluza, que rexeitara previamente un tiro de David Pazos. No último medio minuto, xa con igualdade na pista, ningún equipo dispuxo dunha oportunidade de perigo para desnivelar a contenda.
Ficha Técnica Burela FS 2-2 Noia Portus Apostoli
Burela FS (2): Kaluza; Araya, Isma, Alberto, Rikelme -quinteto inicial-, Juninho, Malaguti, Charly e Pitero.
Noia Portus Apostoli (2): Schütt; Rubi, Pazos, Pirata, Diego -quinteto inicial-, Garrincha, Altamirano, Raggiati, Álex García, Thierry, Douglas e Peixe (ps).
Goles: 1-0, min. 2: Juninho (penalti). 1-1, min. 17: Raggiati. 2-1, min. 22: Juninho. 2-2 min. 40: Pirata.
Árbitros: Menéndez Nistal e Vilas López (Colexio Galego). Expulsaron ao local Araya e aos visitantes Rubi e Douglas, este último cando estaba no banco. Tamén amoestaron aos burelistas Alberto e Malaguti, así como aos noieses Raggiati, Pirata e Altamirano.
Incidencias: Encontro da decimoterceira xornada da Primeira División disputado nun pavillón de Vista Alegre cheo ata a bandeira con 1.400 espectadores. Gardouse un minuto de silencia antes do inicio do partido en memoria de Santiago Loureiro Canedo, pai dun traballador do Burela FS.

























O espectáculo participativo A verbena de antes -con O Xeito e Airiños da Freba-, ao mediodía, e unha mostra etnográfica e as actuacións de Amado Lar e A Volta do Agro, pola tarde, protagonizaron o último día das Xornadas, pensadas como un punto de encontro da cultural tradicional galega,e especialmente da comarca da Mariña.
Tamén puxo en valor o labor de Fonmiñá e a importancia dunha cita cultural que cumpre 48 edicións. Para Vilalba, a incorporación da actriz ao Paseo do Cine é un recoñecemento que a vila sente como propio.
A actividade permitiu aos nenos e nenas gozar dun espectáculo de maxia pensado para transmitir, dun xeito ameno e divertido, valores relacionados coa igualdade, o respecto, a convivencia e a eliminación de estereotipos. Con iniciativas como “Abrazando a igualdade”, o Concello de Xove continúa apostando por achegar aos máis pequenos actividades educativas diferentes, propostas culturais e de lecer nas que a cultura, a diversión e a transmisión de valores van da man.
Félix Jorquera conversou co alcalde, Fran Cajoto; coa concelleira de Cultura e Facenda, Inés López; con Pura García, que é directiva de Acia Foz-CCA; con Carmen Alonso, presidenta do Celtas de Foz; e coa dona da cafetería Marexada, Palmira Andrade. Con eles fixo balance do verán, que todos valoraron de xeito positivo, e analizou os proxectos para os vindeiros meses.
Trátase dunha viaxe para dúas persoas con estancia de catro noites nun hotel de catro estrelas en réxime de todo incluído, voos e equipaxe. O sorteo tivo lugar o pasado mes de xuño.
A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web
A medida tamén fai que as familias perdan a gratuidad do comedor escolar, asumindo un gasto novo. O Concello reclama recuperar a parada mentres non exista unha alternativa segura e manter tanto o transporte como o comedor gratuíto, pedindo unha solución urxente que non prexudique ás familias de Mántaras.

