Foz, 29 de abril de 2025. A Aula Universitaria da UNED de Foz pechará o seu curso académico cunha actividade aberta á comunidade educativa e ao público en xeral: unha ruta interpretativa sobre as plantas silvestres da primavera. Terá lugar o día 15 de maio ás 17:00 horas con saída da Igrexa de San Acisclo, e será guiada por Pedro Rolle, natural do Valadouro e experto en biodiversidade, quen tamén é o autor do caderno presentado na Casa da Cultura recentemente Flores de primavera do Valadouro, que servirá de guía neste roteiro, ademais de estar enmarcado na liña formativa que Rolle vén de impartir tamén nas aulas da UNED de Foz, sobre plantas medicinais.
“A ruta, de baixa dificultade e cunha distancia aproximada de 2 quilómetros, está deseñada para ofrecer unha experiencia educativa na natureza. Durante o percorrido os participantes terán a oportunidade de coñecer e aprender sobre diversas especies de plantas silvestres da contorna, explorando as súas características, propiedades e particularidades. É unha actividade que invita aos participantes a disfrutar da primavera mentres aprenden sobre a flora que nos rodea, algo que sempre resulta fascinante”, apunta Marta Muíña, coordinadora de Aula Universitaria.
Este evento, que repite o formato da ruta interpretativa organizada a finais do curso pasado, está dirixido á comunidade educativa da UNED de Foz, así como ao público en xeral, e é totalmente gratuíto. “É unha excelente oportunidade para disfrutar da natureza e aprender máis sobre o noso contorno”, afirma Elena Martínez Pena, concelleira da Aula.
Co peche desta actividade, a aula universitaria da UNED de Foz fai un balance positivo dun curso académico cargado de eventos e actividades: “este foi un ano moi especial para a nosa aula. Logramos involucrar a máis de 1.600 alumnos, tanto de toda España como de fóra do país, en actividades que contribuíron ao enriquecemento da súa formación”, comenta Muíña.
“Estamos moi agradecidas pola boa acollida da programación de actividades anual e pola ampla participación. Os números demostran o interese que todas elas xeraron na nosa veciñanza e iso é un éxito para nós”, indica Martínez Pena. “As rutas interpretativas, as conferencias ou os cursos formativos non son os únicos formatos traballados durante estes meses, senón que se ofreceron outros como cafés-conversas en inglés, ou actividades para nenos nas que se combinou o xogo e a aprendizaxe dunha lingua estranxeira”, engade Muíña Rodríguez.
Ao longo do curso a UNED de Foz contou coa colaboración de numerosos poñentes e expertos que ofreceron os seus coñecementos a través de actividades de extensión universitaria e culturais. “Quero agradecer a todos os poñentes e colaboradores que estiveron connosco durante este curso. A súa contribución foi clave para facer das nosas actividades un verdadeiro éxito”, destaca a coordinadora da Aula.
Desde a Aula Universitaria da UNED de Foz tamén se expresa un especial agradecemento ao Concello de Foz, e en particular á Concellaría de Educación e á de Cultura, xa que a súa colaboración foi fundamental para levar a cabo todas estas iniciativas. “O traballo conxunto entre a Aula Universitaria e o Concello de Foz fai que isto sexa posible: ofrecer unha programación diversa e accesible para toda a comunidade”, sinala Elena Martínez Pena, quen subliña “a importancia da colaboración entre as institucións para a realización de actividades culturais e educativas que repercutan nos veciños”.
Coa ruta interpretativa do 15 de maio a Aula Universitaria da UNED de Foz dá por pechado un curso “cheo de actividades formativas que contaron coa participación de centos de persoas, consolidándose como un espazo de aprendizaxe aberto a toda a comunidade”.
Para máis información ou para inscribirse na actividade as persoas interesadas poden contactar coa Aula Universitaria da UNED en Foz a través das súas canles habituais: a consulta da web oficial da UNED (www.uned.es) ou o contacto a través do correo foz@lugo.uned.es e os teléfonos 982.133.699 ou 604.034.549.