Ribadeo, 12 de agosto de 2025. Ribadeo valora de xeito positivo a inversión de 300.000 euros realizada pola Deputación de Lugo na estrada de Vilela, pero reclama respecto institucional co Concello e que se teña en conta a súa opinión e a dos veciños.
O alcalde, Dani Vega, declarou: “valoramos positivamente a inversión da Deputación de 300.000 euros para arranxar a estrada de Vilela. Levábamos moitísimo tempo por parte deste Concello reclamando inversión en materia de infraestruturas, de competencia provincial e que houbera unha planificación, que houbera unha inversión e así conservar as infraestruturas. Todos sabemos e somos conscientes que é difícil actuar rápido, entendemos que debe haber unha planificación no tempo porque todo non se pode arranxar de golpe. Somos moi conscientes de todo iso e polo tanto non reivindicamos imposibles, pero si que haxa unha colaboración institucional con este Concello e que haxa un respecto institucional”.
O rexedor dixo: “non podemos comprender como se chega, se anuncia unha inversión que, evidentemente dende a estrada Reme-Villamar ao tramo de Santa Cruz, o inicio de Santa Cruz, se arranxou, e parécenos perfecto, pero non entendemos como non se informa a este Concello da obra que se vai facer, porque podíamos colaborar todos e facelo mellor. Por qué se deixaron varios puntos, por exemplo en Vilela, nos que non se arranxaron ben as entradas. E agora hai unha dificultade á hora de entrar en certos lugares ou para saír desas entradas para a estrada de Vilela. E iso hai que corrixilo. Cómo se deixou un tramo sen arranxar? Hai puntos deteriorados, hai puntos nos que hai que xa investir e non se tocaron. Ou, cómo se deixou sen pintar todo un tramo que non se arranxou. Non entendemos moi ben porqué”.
Vega explicou que “baixo os parámetros da seguridade, nosoutros xa vamos redactar un informe por parte da Policía Local e por parte dos técnicos de infraestruturas do Concello, por que iso non pode quedar así, ten que resolverse. E por qué o facemos agora de forma escrita? Por que intentamos falar cos técnicos, intentamos falar coa Deputación e non se nos colle o teléfono e cando nosoutros falamos coa responsable de infraestruturas, reclamámoslle que quede todo pintado, que eses puntos que xa están deteriorados se arranxen e incluso propuxemos que o miradoiro aquel que está en Santa Cruz se arranxara. A contestación foi absolutamente non e cando nosoutros intentamos preguntar que aí podía actuar a Deputación, se houbera vontade, pois non nos contesta ninguén”.
Para o alcalde de Ribadeo “a forma non é a máis correcta. Nosoutros, coa humildade, coa seriedade, dicimos que cando se ven investir a un Concello hai que falar coa institución municipal, hai que falar co Concello e cos veciños. Se se falara cos veciños de Vilela as entradas non quedarían así. Se se falara con nosoutros, non quedaría así aquel miradoiro que está abandonado en Santa Cruz, aquel miradoiro que está ao lado da estrada. Non falo do espazo de Santa Cruz, falo da antiga estrada de Vilela, que debéramos mellorar ese entorno. E rematar de pintar todo o tramo e arranxar eses puntos que xa están deteriorados. Con responsabilidade, con seriedade e colaborando entre as administracións, ese é o éxito para que as cousas avancen”.
Dani Vega engadiu: “nosoutros enviaremos estes escritos, reclamándolle á Deputación e agardamos que se nos conteste para seguir mellorando o noso municipio e que tamén se traslade a este Concello a planificación correcta para os próximos anos de inversión en tantas estradas de titularidade da Deputación e que están certamente, abandonadas. Sendo conscientes de que todo non se fai nun día. Sendo conscientes de que hai moitos quilómetros e que hai que investir en todos os Concellos, pero a nós, a min tócame pedir para Ribadeo e non me vou cansar de pedir que se arranxen as estradas da Deputación, como doutras administracións, e sendo conscientes de que nosoutros tamén debemos investir e mellorar as nosas infraestruturas. Dende a responsabilidade non pedir por pedir, senón pedir para que Ribadeo avance”.



















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



