O Valadouro, 11 de agosto, 2025. Na mañá do domingo 10 de agosto chegaba a mala nova de que un persoeiro ilustre do Valadouro rematara a súa traxectoria nesta vida. Paradóxicamente no día de San Lourenzo deixábanos Manuel Lourenzo.
Sempre levou metido nas venas que nacera no Valadouro alá polo ano 1943 e sempre que podía regresaba con pequenos agasallos culturais e sociais. Foron recoñecidas innumerables facetas como autor, historiador, escritor, teatreito… e que permitiron coñecer e recoñecer a Manolo de Mucha como “Fillo Predilceto” da vila que o veu nacer.
Con motivo do pasamento de Manuel Lourenzo a corporación municipal do Valadouro decretou tres días de loito oficial con bandeiras a media asta e unha homenaxe que se rendiu hoxe ás 14:30h. na Casa do Concello coa meirande parte das corporacións municipais do Valadouro e Alfoz (onde contaba cunha segunda residencia) e na que se explicaron os motivos do Decreto e se fixo lectura ó manifesto do concello da man de Lionel Rexes (escritor e íntimo amigo de Manuel Lourenzo) e no que tamén Ramón Reimunde fixo a súa pequena homenaxe coa lectura dun traballo recente de Manolo. A este acto asistíu numeroso público que provocou que o salón de plenos se quedase pequeno e rematou cun minuto de silencio na Memoria de Manuel Lourenzo Pérez, “Fillo Predilecto” do Valadouro.
Texto do manifesto
Para os do seu tempo foi coñecido como Manolo de Mucha, para os demais era Manuel Lourenzo, o escritor, o director de escena, o actor, e por tal motivo, tamén chamado polo nome de numerosos personaxes interpretados ao longo da súa carreira.
E todas as identidades cabían nel, nese home que regresaba, vrao tras vrao ao seu Valadouro natal, a onde gustaba de traer, desinteresadamente, funcións teatrais, lecturas dramatizadas, e tras el un ronsel de persoas do mundo das artes escénicas.
Desde onte, os medios de comunicación reflicten o seu extenso currículum profesional, os seus numerosos galardóns, a súa inxente colección de obras escritas, porén, para nós, para a xente do Valadouro era o veciño que levou o nome da súa terra por toda Europa, que elevou o noso idioma á máxima categoría a través dos seus textos, e que sempre iniciaba as súas intervencións públicas dicindo: “Eu nacín en Ferreira do Valadouro, e sendo neno descubrín o teatro nunha función no antigo cine da vila”.
Así era Manuel Lourenzo, fiel ás súas orixes, entregado ao noso val e sempre coñecedor de que os grandes persoeiros o son, non por teren chegado lonxe, senón por teren presente de onde partiron.
Por iso nos dicía, a quen fomos os seus alumnos vivenciais, sempre mesturando mitoloxía e realidade como a el lle gustaba, que aquí no Valadouro naceu o país, porque aquí se refuxiou a última nobreza galega no século XV, porque aquí un mar se tornou río, e porque neste val se conservan unhas palabras que tan só aquí se escoitan: xoulada, patanexo, cachón, zarrulada… ao cabo, para Manuel Lourenzo eran palabras máxicas que introducía nos seus textos, revelando que O Valadouro e os seus falares nutriron a súa escrita, e ao tempo renacen, en cada obra por el asinada.
Explicaba con orgullo que a lingua xermánica traída polos suevos deixou pegada nos nomes de moitos lugares do val, e así, ao pronunciar Cendemil, Freitemunde, O Bermún, Frexulfe… Manuel mergullábanos noutro tempo, nese tempo en que O Valadouro naceu ao mundo, e con el a terra en que o dramaturgo soñou centos de obras de teatro.
Hoxe, sobre o escenario da eternidade, Manuel Lourenzo observa o seu Valadouro natal e seguramente invoca as fermosísimas frases que figuran nunha das súas obras, e que para min supoñen un canto á negación da morte como final absoluto:
“A nosa música non pode desaparecer. Continuaremos a escoitala nas ruelas e nas prazas do país dos nosos soños, mesmo sobre o restroballo das ruínas.
Un xardín eríxese en calquera sitio, sobre o mar que non hai ou na saudade de solpores imposíbeis.
Basta un xesto de nós para borrar ese malfado das estrelas.”
Manuel Lourenzo, sempre na nosa memoria.
LIONEL REXES




















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.


