O impacto desta medida transcende o ámbito económico xa que tamén contribúe a mellorar a saúde e benestar da cidadanía grazas ás calidades nutritivas dos produtos pesqueiros
Santiago de Compostela, 30 de abril de 2025. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou hoxe a Praza de Abastos de Santiago de Compostela onde destacou o impacto do Bono Peixe que vai a poñer en marcha a Xunta para impulsar o consumo dos produtos pesqueiros na comunidade. Así, explicou que esta medida permitirá mobilizar como mínimo 10 millóns de euros mediante un aforro dun 25% na compra ata un límite semanal de 5 euros, sendo acumulable o importe non gastado ata a décima e derradeira semana na que estará vixente dito bono.
O responsable autonómico, acompañado pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Patricia García, sinalou que esta acción, na que a Xunta investirá 2,5 millóns de euros, beneficiará a 50.000 consumidores e permitirá dinamizar a venda de peixe en centros de venda como algunha das 28 peixerías activas neste recinto comercial da capital galega. Tamén en supermercados, hipermercados ou á venda ambulante localizados en Galicia. O obxectivo é seguir afondando nas políticas de promoción que permitiron que o ano pasado medrara nun 6% o consumo per cápita ata os 25 quilos, un 38% máis respecto ao conxunto de España.
Nesta liña, animou ao Goberno central a lanzar campañas de promoción propias de consumo, nun contexto de tendencia á baixa, tomando o modelo de éxito da Xunta que permitiu incrementar a presenza destes alimentos na cesta da compra dos galegos. Un aspecto que é reiteradamente reclamada polo conxunto da cadea mar-industria que tamén requiren unha baixada do IVE que, segundo informes de organismos independentes, tería un impacto positivo no consumo.
Alfonso Villares puxo en valor que esta medida non só permitirá reforzar un sector estratéxico para a comunidade, que representa o 5% do PIB e ao redor de 50.000 empregos, senón que tamén servirá para mellorar a saúde e benestar da cidadanía. A este respecto recordou que o peixe, o marisco e as conservas presentan importantes calidades nutritivas dado o alto contido en omega-3 que favorece o desenvolvemento cognitivo dos máis pequenos da casa. Uns ácidos graxos que tamén favorecen a secreción de serotonina y dopamina, hormonas que combaten a depresión. Ademais, son produtos ricos en vitaminas e minerais así como de proteínas de alta calidade que, entre outros beneficios, axudan a reducir nun 60% o risco de padecer déficit de atención ou hiperactividade.
O titular de Mar fixo referencia a estas propiedades nutritivas para cuestionar o decreto estatal de Seguridade alimentaria e nutrición para o fomento dunha alimentación saudable e sostible en centros educativos que limita de unha a tres as racións semanas de peixe. Unha decisión que contradí as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) e da a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aesan) recomendan un mínimo de tres racións semanais. Así, valorou que este decreto impide inculcar ás novas xeracións boas pautas alimenticias e desincentiva a presenza destes alimentos mariños nos consumidores do mañá.