Lugo, 29 de abril de 2025. O deputado provincial do BNG Daniel García reclamou a PP e PSOE “seriedade” para executar desde a Xunta de Galiza e desde o goberno do Estado os acordos que recolle a moción aprobada por unanimidade no pleno provincial desta mañá,que recolle as demandas que o comité de empresa trasladou ao BNG nunha reunión mantida o pasado 21 de marzo.
“O que temos diante é un problema de incumprimento do acordado, tanto por parte da Xunta e do Estado como por parte de Alcoa”, remarcou o deputado mariñao. “Ademais de unanimidade na votación, ten que haber unanimidade na execución. Se non, de nada vale. Imos ser serios e pedirlle tanto á Xunta como ao goberno central medidas reais para reclamarlle á Alcoa que cumpra o acordo asinado cos traballadores”, sinalou durante o debate da moción presentada no pleno provincial polo PSOE.
Por petición expresa do Comité de Empresa de Alcoa, o pasado 21 de marzo, representantes orgánicos e institucionais do BNG, encabezadas polo deputado no Congreso Nestor Rego, mantiveron unha reunión cxs representes sindicais na que concretaron catro demandas ás administracións: facilitar que Alcoa poida levar a cabo, de forma inmediata, o investimento do forno de cocción mediante creditos ICO ou calquera outra forma de financiamento público; reclamar que Alcoa cumpra o acordo de viabilidade asinado cos traballadores; reclamar ás administracións que convoquen a mesa de seguimento coa periodicidade acordada e que a SEPI se faga cargo da factoría no caso de que Alcoa non cumpra co acordo de viabilidade.
O deputado Daniel García lembrou que o BNG está presentando mocións con estas demandas aos plenos dos concellos da Mariña, reclamando tamén que se estenda no tempo a garantía do acordo asinado para o persoal das empresas auxiliares, que se faga público o contido íntegro do Memorando de Entendemento asinado polo Ministerio de Industria e Turismo, a Xunta de Galicia, Alcoa e Ignis; e dar unha solución viable e que asegure a subministración de enerxía mentras non se materialicen as PPA´s previstas.
“Esta proposta presentarase tamén no Congreso e agardarmos que alí PP e PSOE a voten integramente, especialmente o punto referido á intervención da factoría, e que dunha vez por todas deixen de enganar e dar largas ás traballadoras e traballadores”, avanzou o deputado nacionalista, que comezou a súa intervención destacando “a labor impresionante realizada pola plantilla de Alcoa nas últimas horas” para tratar de manter a actividade na factoría.