Dous chispazos dos andaluces no inicio do segundo tempo bastáronlle para conseguir un triunfo diante dun conxunto burelista que gozou de ocasións moi claras no tramo final para, cando menos, igualar el tanteador
Burela, 19 de abril, 2025. Dous chispazos no inicio do segundo tempo e a soberbia actuación de Espíndola no tramo final bastáronlle ao Jaén Paraíso Interior para conseguir o triunfo no Olivo Arena (2-1) diante dun Burela FS que volveu raiar a un grandísimo nivel e mereceu regresar de terras andaluzas con premio, pero estrelouse co porteiro brasileiro, que foi un auténtico muro nos dous últimos minutos de encontro.
O primeiro tempo entre xienenses e bureleses foi moi dinámico e con alternativas no xogo, aínda que sen goles porque os gardametas estiveron máis inspirados que os xogadores de campo de ambas escuadras. Os minutos iniciais foron de tenteo e sen aproximacións de mérito por parte de ningún equipo, ata que Rikelme fabricaba a primeira no minuto 4, cando se ía moi ben de Espíndola, pero chegaba por detrás Antoniazzi para evitar o remate do brasileiro ante un marco sen porteiro. Despois estaría a piques de anotar Charly cun disparo que se ía desviado por moi pouco e ao que tampouco lograba chegar por centímetros Pitero. Araya tomaba a remuda nas acometidas visitantes cunha recuperación en campo propio e posterior condución ata plantarse só ante Espíndola, que se impoñía no man a man sacando un bo brazo.
Tralas tres primeiras oportunidades para os mariñáns, respondía o cadro de Jaén poñendo a proba a Kaluza. O polaco desviaba no minuto 8 un disparo ao primeiro pau de João Salla e volvíao facer nun bo xiro con posterior remate de Bingyoba. Xa no 10 aparecía para despexar ante Mati Rosa e logo Lemine disparaba directamente fóra por moi pouco.
Un tempo morto de David Rial cortaba o arreón dos locais e o Burela FS volvía respirar e a chegar con perigo, xa que no minuto 12 era Espíndola o que sacaba con moitos apuros unha falta directa botada por Charly. O brasileiro pechaba as pernas xusto a tempo para evitar que se lle coase o balón entre elas.
Unha nova sacudida dos de Dani Rodríguez, nos que foi baixa o canteirán burelés Renato por lesión, estivo a piques de colocar por diante ao cadro de Jaén. Primeiro Mati Rosa remataba ao traveseiro no minuto 13 e despois metía as mans Kaluza nun disparo de Alan Brandi. Ao polaco acumulábaselle o traballo porque, tras un tempo morto do técnico xienense, aparecía de novo para taponar un man a man de Míchel e voaba segundos máis tarde para despexar un lanzamento do futbolista de Mengíbar. Rikelme tería a última antes do descanso, pero non lograba conectar ben un balón en longo de Isma.
O cadro de Jaén saíu cunha marcha máis tralo paso polos vestiarios e adiantouse rápido, por mediación de Alan Brandi. O pívot arxentino recibía un balón de Antoniazzi, virábase moi rápido e batía a Kaluza cun disparo seco e abaixo. Os Pícaros reclamaron que o balón superara a liña de banda xusto no pase previo ao gol.
Non acusaron o golpe os discípulos de David Rial, que vían como Rikelme tiña o empate nun zurdado no 23 que pegaba na cruceta da meta local. Despois probábao Charly cun disparo que repelía Espíndola e do posible 1-1 pasábase ao 2-0 nunha acción de estratexia. João Salla recibía o balón á saída dun córner, pegáballe de lonxe e sorprendía a Kaluza. Demasiado castigo para un conxunto burelista que se vía dous goles por baixo de forma inmerecida.
Tralo segundo dos xienenses si que lles custou reaccionar aos mariñaos, que viron como roldaba o terceiro dos amarelos en dous lanzamentos de Lemine e nun disparo demasiado cruzado de Dani Zurdo ante Kaluza. Superado o ecuador da segunda entrega, Pitero volvía xerar perigo para a tropa laranxa cun tiro desde fóra da área que tocaba nun xogador andaluz e marchábase desviado por moi pouco.
Unha transición rápida dos locais que terminaba cun disparo de Alan Brandi e unha estirada voadora de Kaluza para evitar o terceiro, xunto a unha incursión en ataque do meta polaco que finalizaba cun disparo propio demasiado elevado, eran o preludio do desenlace, no que o Burela FS buscou a remontada con Araya como porteiro-xogador. O chileno, tras un tempo morto de David Rial, entraba coa camiseta negra a 2:45 da conclusión e os burelistas lograban reducir distancias na primeira acción. Logo de madurar a xogada, Rikelme recibía e desde uns 7 metros soltaba un fenomenal zurdazo que pegaba no traveseiro e superaba a Espíndola. Os visitantes tiñan aínda máis de 120 segundos para sumar, polo menos, un punto.
Seguírono tentando os Pícaros e no último minuto e medio tiveron catro ocasiones moi claras para a igualada. Primeiro non conseguía rematar Juninho en boca de gol un envío de Isma e despois Espíndola facíase xigante para tapar un tiro de Rikelme desde o perfil dereito. Achicara moi ben espazos co seu corpo o meta brasileiro, que volvía facelo ata en dúas ocasións ante Juninho. Unha era idéntica á anterior, xa que tamén estaba no segundo pau presto e disposto para embocar a gol. E na segunda volvía facerse moi grande o cancerbeiro de Florianópolis. Aí morrían as esperanzas de sumar dun conxunto mariñao que volvía caer de pé e que o vindeiro sábado terá unha cita crave na visita do Wanapix Sala 10 Zaragoza a Vista Alegre (19:30 horas).
Ficha Técnica Jaén Paraíso Interior 2-1 Burela FS
Jaén Paraíso Interior (2): Espíndola; Attos, Míchel, Mati Rosa, Antoniazzi -quinteto inicial-, João Salla, Dani Zurdo, Bingyoba, Lemine, Mati Rosa e Sanz .
Burela FS (1): Kaluza; Isma, Alberto, Charly, Rikelme -quinteto inicial-, Araya, Pitero, Juninho e Marc Campàs.
Goles: 1-0, min. 21: Alan Brandi. 2-0, min. 25: João Salla. 2-1, min. 38: Rikelme.
Árbitros: Samuel Gabaldón e Óscar Romero (Colexio Valenciano). Amoestaron aos locais Sanz, Míchel e Antoniazzi, así como ao visitante Pitero.
Incidencias: Encontro da vixésimo sexta xornada da Primeira División masculina disputado no Olivo Arena de Jaén.























A medida tamén fai que as familias perdan a gratuidad do comedor escolar, asumindo un gasto novo. O Concello reclama recuperar a parada mentres non exista unha alternativa segura e manter tanto o transporte como o comedor gratuíto, pedindo unha solución urxente que non prexudique ás familias de Mántaras.
A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web
Un total de 32 participantes déronse encontro nesta segunda edición, demostrando o seu nivel e desfrutando dunha mañá de competición e compañeirismo. Os gañadores das diferentes categorías foron: Antón Pernas (Sub 8), David Bustabad (Sub 10), Xulio Pernas (Sub 12), Deivid Pérez (Sub 14), Manuel Castro (Sub 16) e Breixo Alvite (Sub 18). A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entregou os trofeos e medallas aos vencedores. O Concello felicita a todas as persoas participantes polo seu esforzo e por contribuír ao crecemento do xadrez no municipio, reafirmando a súa aposta polo deporte, pola participación e por ofrecer novas oportunidades para gozar e aprender.
A proba , organizada polo Club Ciclista Viveiro, reuniu máis de 130 ciclistas e coroou as campioas galegas de todas as categorías femininas -desde infantil ata master-, e aos campions galegos de infantil e cadete. A Praza da Galeguidade acolleu a saída e meta da competición, que se desenvolveu nun circuíto estático de 18,9 quilómetros pasando polo Porto da Gañidoira, a 699 metros de altura.
Trátase de dous MG ZS Hybrid+ Comfort, equipados coa tecnoloxía híbrida autorrecargable Hybrid+, que permite combinar eficiencia e un menor consumo no uso habitual. Segundo os datos do fabricante para este modelo, presenta unhas emisións de entre 113 e 115 g/km de CO₂ e un consumo de combustible de entre 5 e 5,1 litros aos 100 quilómetros, segundo o ciclo WLTP. A adquisición supuxo un investimento de 51.848,50 euros, IVE incluído, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental correspondente ao ano 2026.
Contou con arredor de 90 expositores provintes de todos os puntos tanto de Galicia coma do resto de España e de varias partes do mundo, que exhibiron as súas pezas de tornería en madeira. Tamén acolleu a XVIII edición da Exposición CONtornos. Entre os participantes, destacou a presencia dun expositor provinte da cidade arxentina de Córdoba, así coma outros de Reino Unido, Francia e Portugal. Ata o domingo achegaronse a esta mostra internacional uns 5.000 visitantes, principalmente provintes de toda Galicia e tamén de Portugal.
A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.


