Lugo, 6 de maio de 2025. A Deputación de Lugo responde con claridade e firmeza ás acusacións vertidas nos últimos días sobre a residencia pública de persoas maiores de Trabada, xestionada pola institución provincial. Rexeita contundentemente calquera insinuación que cuestione a calidade do servizo e o compromiso profesional do persoal que desempeña o seu labor neste centro, recoñecido polo seu carácter pioneiro e pola excelencia na atención ás persoas maiores da provincia.
Este martes celebrouse unha reunión informativa coa participación das familias das persoas usuarias, convocada pola Deputación, na que estiveron presentes responsables da área de Benestar Social e persoal técnico. A xuntanza desenvolveuse nun clima de respecto e diálogo, e permitiu aclarar con detalle as dúbidas expostas, explicar o funcionamento do centro e reforzar os mecanismos de comunicación entre as familias e a institución. A Deputación agradece sinceramente a participación e o ton construtivo das familias, que evidencian que o diálogo é sempre o camiño máis efectivo para avanzar na mellora continua dos servizos públicos.
A institución lembra que todos os protocolos asistenciais e sanitarios se aplican de acordo coa normativa vixente e en coordinación co Servizo Galego de Saúde. A xestión da medicación, a alimentación, os coidados diarios e a comunicación coas familias seguen criterios estritamente profesionais e son supervisados polos equipos técnicos do centro.
Por todo isto, a Deputación considera especialmente grave e irresponsable que o Partido Popular e determinadas persoas con intereses alleos ao benestar dos usuarios e usuarias estean a empregar de forma partidista unha cuestión tan sensible. Empregar a preocupación dalgunhas familias ou a realidade das persoas residentes como ferramenta de confrontación política non só erosiona a convivencia institucional, senón que xera unha innecesaria alarma social, provocando sufrimento tanto nas familias como nos traballadores e traballadoras que, día a día, coidan das persoas maiores con dignidade, humanidade e rigor profesional.
A Deputación continuará traballando con humildade, transparencia e compromiso, sempre ao carón das familias, aberta á mellora permanente, pero sen aceptar ataques inxustificados que poñan en cuestión un modelo de atención pública centrado nas persoas, baseado no respecto, na dignidade e na calidade dos coidados. Ademais, engade, as persoas maiores merecen o mellor e quen as coida con vocación, profesionalidade e entrega merece tamén ser recoñecido, valorado e defendido.