Burela, 23 de maio de 2025. No día de hoxe profesionais e doentes acudiron con cinta e mans na boca para deixarlle ben claro a quen dirixe a nosa sanidade “que non non nos imos a cansar, e que non nos calarán”.
A Xunta de Persoal do Hospital da Mariña, ao rematar a concentración, presentouse acompañada de doentes e profesionais na Dirección do centro para exixir a recuperación da pancarta artística confiscada “nun ambiente de crispación e nerviosismo por parte de quen dirixe o centro”.
“Unha faixa reivindicativa dedicada ás persoas doentes da Mariña que a dirección do hospital mandou descolgar apenas unha hora despois da súa presentación pública.Pedro Cabarcos, Adri Pardo e Neira Brochs foron os autores da obra baixo o lema En defensa dos pacientes da Mariña e na que cada un dos artistas debuxou distintas caras, incluída unha reinterpretación do berro de Munch”.
Desde a Xunta de Persoal do Hospital da Mariña queren manifestar:
1. O agradecemento especial a todos/as os/as profesionais que incondicionalmente, saen dando a cara para loitar na defensa dos pacientes da Mariña, incluso vindo das súas casas.
2. O agradecemento especial a pacientes, que tamén acoden desde as súas casas a dar a cara e a defender un piar básico do estado de benestar: sanidade pública de calidade e de proximidade.
E NON:
1. E non, non queremos ser doentes de segunda.
2. E non, non queremos que o persoal marche do hospital, de todas e de todos, polas decisións e «maltrato laboral» da Dirección do centro hospitalario.
3. E non , non queremos derivacións innecesarias a Lugo para probas, operacións, ingresos que antes asumía o noso hospital.
A Xunta de Persoal estivo, está e estará na defensa da sanidade pública, dos dereitos das traballadoras e traballadores a poder atender ben aos pacientes, do dereito dos veciños e veciñas da Mariña a contar con servizos sanitarios de calidade tanto no hospital como nos centros de saúde da comarca.
E non, non nos calarán e reiteramos que non permitiremos «ningún recorte máis por parte da Consellería de Sanidade».