Xove, 27 de maio, 2025. O Concello de Xove, a través do Departamento de Servizos Sociais, Sanidade, Muller e Políticas de Igualdade, e do seu servizo de conciliación denominado, Xove Concilia, vén de abrir as inscricións, ata o vindeiro 7 de xuño, para o programa Xove Concilia Verán 2025. Este programa ofrece un servizo de conciliación familiar para a veciñanza con nenos e nenas de 3 a 10 anos, desde o 23 de xuño ó 5 de setembro, ambos incluídos, desde as 8:45 ás 14:15 h. O servizo, levado a cabo por monitoras e monitores profesionais, contará con actividades lúdicas e educativas de calidade, que promoven valores saudables na ocupación do tempo libre durante o período das vacacións escolares de verán.
A conciliación e a corresponsabilidade nos usos do tempo son eixes principais e transversais nas políticas sociais do Municipio, desde onde se trata de avanzar cara unha organización social favorable a que mulleres e homes compaxinen en igualdade a esfera privada e a profesional. Deste xeito, desde o Concello de Xove póñense en marcha servizos públicos como o Xove Concilia, que trata de favorecer a conciliación nos períodos anuais de vacacións escolares, prestando apoio á xestión dos tempos familiares e laborais dos proxenitores.