O BNG esixirá no Parlamento prazos concretos de intervención
Mondoñedo, 28 de maio 2025. O BNG vén de denunciar que non se están cumprindo os prazos de execución dados pola propia consellería nas intervencións programadas na área Rexurbe de Mondoñedo e a folla de ruta do Plan de Dinamización da área de rexeneración aprobado polo consello da Xunta tampouco se está respectando polo que o deputado mariñao Daniel Castro vén de pedir explicacións no parlamento e esixindo prazos concretos de intervención ante unha situación que os nacionalistas non consideran asumible despois de máis de cinco anos desde a súa declaración pola Xunta, tal como afirmou o portavoz municipal Eloi Cabanas quen asegurou “non é de recibo que o PP e a Xunta esquenzan a Mondoñedo durante cinco anos”
“Anuncios millonarios do PP pero a realidade é só lonas penduradas de edificios”
Desde o BNG apuntan que a Xunta prevía un investimento en Mondoñedo de preto de 17 millóns de euros ata o ano 2024 para levar a cabo iniciativas de recuperación arquitectónica e urbanística dirixidas a fomentar as políticas de rehabilitación e a mellora do espazo público, con outras desde o punto de vista económico, demográfico e social.
O deputado mariñao Daniel Castro despois de visitar acompañado do voceiro municipal, Eloi Cabanas, a área de rexeneración urbana manifestou que “o aspecto exterior que presentan moitos dos 13 edificios adquiridos polo IGVS no ano 2021 é inconcibible” dado que a maioría das actuacións programadas no que foi o primeiro concello declarado área Rexurbe de toda Galiza segan pendentes. “Os resultados a día de hoxe son lonas en mal estado polo paso do tempo cubrindo as fachadas dos edificios sen rehabilitar e cero vivendas entregadas en réxime de alugueiro “, afirmou.
“O goberno municipal do Partido Popular non pode permanecer impasible ante esta vergoñenta demora”
Ante a evidencia deste retraso o edil nacionalista no concello, Eloi Cabanas, tamén lle pide ao concello que non permaneza impasible ante esta situación de demora e insta a Manuel Otero e ao equipo de goberno do Partido Popular que se poñan a traballar conxuntamente coa administración autonómica para sacar adiante este plan canto antes para dotar de vitalidade o conxunto urbano e facelo atractivo como ámbito de residencia e actividade e manifestou que “desde o BNG local pedimos menos propaganda en prensa ao redor do Rexurbe e máis resultados tanxibles que contribúan a conter o despoboamento atraian novos habitantes á nosa cidade”.