“Dixeron que bloqueaban os orzamentos para beneficiar ás asociacións, e fixeron todo o contrario. Agora que gobernan, non moven ficha”, critica Míriam Bermúdez
Viveiro, 6 de maio, 2025. O BNG de Viveiro vén de advertir da falta de avances por parte do goberno local na elaboración dos orzamentos municipais para o ano 2025. O BNG lembra que o anterior executivo, nos últimos meses do mandato, acordou coa interventora municipal iniciar con antelación os traballos para que os novos orzamentos estivesen aprobados no primeiro trimestre deste ano. Un calendario responsable pensado para evitar que se repetise o colapso orzamentario vivido en 2024.
“Estamos xa en maio, e sabemos que por prazos legais de exposición pública os orzamentos agora xa non se poderán aprobarse antes de xuño. Iso quere dicir que o goberno vai fóra de prazo, e que este ano estamos ante un novo araso que volvería afectar a clubs, asociacións e entidades culturais e deportivas”, sinala a voceira do BNG, Míriam Bermúdez.
Míriam Bermúdez lembra que o retraso de seis meses na aprobación dos orzamentos de 2024 foi responsabilidade directa do PP e de Por Viveiro, que bloquearon o documento “argumentando que era mellor para as entidades”, cando en realidade o resultado foi o contrario: moitas asociacións viron como quedaban sen recibir os seus pagos a tempo, asfixiadas pola falta de recursos para manter a súa actividade habitual.
“Foi unha operación política deliberada. Bloquearon os orzamentos para desgastar ao goberno, mentres as entidades sufrían. E agora que teñen o goberno, que fixeron? Nada. Nin orzamentos, nin preocupación e o escenario que están a provocar está sendo o mesmo. Están calados e desaparecidos”, critica Bermúdez.
O BNG lembra que Viveiro conta cun tecido asociativo fundamental para a vida social, deportiva e cultural do concello, e que é responsabilidade do goberno local garantir os recursos necesarios en tempo e forma. Por iso, a formación presentará un rogo no próximo pleno esixindo que se retome o calendario previsto e se acelere a tramitación dos orzamentos de 2025.
“O goberno que PP e Por Viveiro formaron debe deixar de vivir da confrontación e asumir responsabilidades. Xa non están na oposición, agora gobernan. E gobernar é garantir que as asociacións poidan traballar con seguridade e estabilidade económica”, conclúe Bermúdez.