Os concelleiros do PP sosteñen que “está ben facer obras para mellorar as nosas infraestruturas, sempre que se fagan xestionando de forma eficaz e eficiente tanto os recursos coma a organización dos traballos para evitar todo o posible os prexuízos e molestias aos veciños e veciñas”
Vilalba, 30 de maio de 2025. Os concelleiros do Partido Popular de Vilalba advirten dun novo exemplo de “falta de xestión e de previsión” por parte do goberno municipal de PSOE e Vilalba Aberta: o peche ao tráfico de catro rúas do casco urbano “ao mesmo tempo”.
“Se fai uns días era noticia un novo corte de tráfico na rúa da Pravia despois de gastar 1M€ na súa reforma, agora experimentamos un caos circulatorio total”, sinalan. De feito, rexístranse “terribles atascos” derivados do peche ao tráfico da rúa de Muras, da rúa de Cospeito e da rúa Rouco Varela, ademais da propia rúa da Pravia.
“Entendemos que se deben acometer as obras cando fai bo tempo, pero non cremos que sexa boa idea cortar catro rúas á vez e, menos aínda, cando tres destas son as principais arterias de comunicación da vila”.
Os populares sosteñen que “está ben facer obras que teñan como obxectivo mellorar as nosas infraestruturas sempre que se fagan xestionando de forma eficaz e eficiente tanto os recursos coma a organización dos traballos para evitar todo o posible os prexuízos e molestias aos veciños e veciñas”.
Os concelleiros do PP cren que “acometer todos estes traballos á vez evidencia non só falta de previsión, senón faltan de mantemento periódico das infraestruturas viarias da nosa vila por parte do goberno municipal”.