Os deputados populares pediron que o goberno provincial executase os investimentos comprometidos por José Tomé e que se garantise que a Deputación continuará a cumprir coa súa competencia de cooperación cos Concellos de menos de 20.000 habitantes tanto para apoiar ao Concello de Viveiro como aos demais concellos da provincia de Lugo con criterios de transparencia e igualdade
Lugo, 27 de maio de 2025. “Un intento de comprar vontades políticas e alcaldías”. Así de contundentes se amosan os deputados do Grupo Provincial Popular tras ver no pleno de hoxe como José Tomé “se desmarcou totalmente” da promesa realizada a todos os veciños de Viveiro o pasado 13 de febreiro, cando comprometeu unha axuda de 1M€ ao Concello.
Os deputados populares recordan como o presidente da Deputación comprometera investimentos por 1M€ no municipio, ao tempo que pedía aos concelleiros de Por Viveiro que non apoiasen a moción de censura contra a entón rexedora socialista María Loureiro. “Queda claro que Tomé puxo a chequera da Deputación á disposición do PSOE para tentar evitar que prosperase a moción de censura”, denunciaron.
A proposta que defenderon hoxe os deputados do Grupo Provincial Popular consistía en que o goberno provincial executase os investimentos comprometidos por José Tomé e garantir que a Deputación continuará a cumprir coa súa competencia de cooperación cos Concellos de menos de 20.000 habitantes tanto para apoiar ao Concello de Viveiro como aos demais concellos da provincia de Lugo con criterios de transparencia e igualdade.
A realidade de Viveiro é que durante as dúas últimas décadas o desenvolvemento do municipio sufriu un estancamento e a situación económica actual do Concello é comprometida debido á xestión dos gobernos de PSOE e BNG nos últimos anos.
“Somos coñecedores de que a Deputación de Lugo ten colaborado co Concello de Viveiro, incluso, para financiar gastos correntes. Tanto o propio presidente provincial coma o PSOE teñen anunciado publicamente compromisos co Concello de Viveiro que en boa parte foron incumpridos”, afirmaron, ao que engadiron “ese é o nivel de compromiso de PSOE e BNG cos veciños de Viveiro”.