Os populares instan a Cajoto a convocar de xeito inmediato a Xunta de Seguridade Local, coa participación da subdelegada do Goberno e as forzas e corpos de seguridade do Estado
Foz, 20 de maio de 2025. O Partido Popular de Foz denuncia a preocupante deriva en materia de seguridade cidadá que está a vivir o municipio, con episodios de violencia nas rúas, actos vandálicos como pintadas e danos no mobiliario urbano, e unha sensación xeralizada de desorde e abandono que afecta tanto a veciños como a negocios locais. “Non se trata dunha mala racha nin dunha casualidade: estamos ante un dos momentos máis críticos en termos de seguridade que recordar o noso concello, froito dunha xestión nula por parte do alcalde”, sinala o voceiro do PP, Javier Castiñeira.
O voceiro popular acusa ao rexedor de actuar de forma illada, sen equipo e sen escoitar ás necesidades da veciñanza nin aos propios axentes da Policía Local. “Cajoto é o máximo responsable da seguridade en Foz, tanto como alcalde como xefe da Policía Local, e debe asumir esa responsabilidade de forma inmediata e sen máis escusas”, afirma Castiñeira.
Desde o PP instan a Cajoto a convocar de xeito inmediato a Xunta de Seguridade Local, coa participación da subdelegada do Goberno e as forzas e corpos de seguridade do Estado, co obxectivo de redobrar os esforzos e reforzar os efectivos antes de que a situación se volva irreversible.
“O pobo está sucio, descoidado e abandonado. A cidadanía vive con preocupación e medo, non só pola inseguridade, senón tamén polo caos nos servizos públicos, as obras sen sentido e unha mobilidade cada vez máis complicada. Foz precisa un goberno que actúa, non que desapareza”, conclúe o voceiro do PP focense.