Alcaldes, portavoces, deputados e senadores, encabezados pola presidenta provincial, Elena Candia, participaron nunha reunión de traballo co titular de Sanidade do Goberno galego para interesarse pola situación sanitaria da Mariña
A Mariña, 14 de maio de 2025. O coidado das persoas en xeral e da saúde en particular son unha “prioridade” para o Partido Popular e o Goberno galego; segundo subliñaron os populares no marco dunha reunión de traballo co responsable de Sanidade do Goberno galego, Antonio Gómez Caamaño, para interesarse pola situación sanitaria da Mariña.
A presidenta provincial, Elena Candia, alcaldes e portavoces da comarca, deputados e senadores manifestaron o seu compromiso coa “mellora da asistencia sanitaria na Mariña” e, sendo coñecedores da implicación do Goberno galego, reiteráronlle a súa petición para que “sigan traballando sen escatimar recursos nin esforzos en mellorar o sistema sanitario público”.
Os populares son coñecedores de que “o Goberno galego está a facer un reforzo continuo e permanente no ámbito sanitario” e, en relación ao Hospital Público da Mariña, lembran que “están en marcha procesos para cubrir 17 prazas de especialista a través da Oferta Pública de Emprego (OPE) e da segunda volta do concurso de difícil cobertura que se suman ás que xa se foron cubrindo”.
O procedemento para a provisión de postos de difícil cobertura que agora permitirá incorporar especialistas no Hospital da Mariña é posible grazas a unha lei impulsada polo Goberno galego que contou co voto en contra de PSOE e BNG no Parlamento de Galicia. É dicir, “deron as costas aos galegos que reclaman medidas para mellorar a atención sanitaria e, máis concretamente, dar resposta ás necesidades do Hospital da Mariña”, puntualizaron.
A Xunta impulsou esta norma pioneira en España ante a inacción do Goberno de Sánchez en relación á falta de facultativos que afecta a todas as comunidades autónomas, independentemente da cor política dos seus gobernos”, explicaron. “Ningún dos 6 ministros de Sanidade que leva o Goberno de Sánchez adoptou ningún tipo de medida para afrontar esta situación”, engadiron.
Os populares subliñan, así mesmo, que “o Goberno galego está a poñer todo o seu empeño en xestionar da mellora forma os medios dos que dispón” e, de feito, ten intención de activar un plan para facer máis atractivas as prazas de especialistas en hospitais comarcais coma o da Mariña.
Os representantes do PP da Mariña incidiron en que nos hospitais comarcais é máis difícil cubrir as prazas vacantes. “Un claro exemplo é o hospital de Jarrio”, que presta asistencia sanitaria no occidente de Asturias, e que rexistra prazas vacantes en distintas especialidades.
En Galicia, os hospitais comarcais contan con soporte continuo dos centros de referencia para garantir a equidade na asistencia debido a un modelo de xestión conxunta. De feito, desprázanse á Mariña profesionais do Hula, do Hospital de Monforte e do Complexo Hospitalario da Coruña para reforzar os servizos hospitalarios.
O esforzo do Goberno galego en materia sanitaria ten propiciado que Galicia sexa a segunda comunidade autónoma con mellores datos de espera para unha intervención cirúrxica (66 días), dispoña do calendario de inmunización máis completo de España e do programa de cribados poboacionais de referencia estatal.