Ademais desta iniciativa, orientada a concellos pequenos e medianos, o presidente do PPdeG sinala que tanto na cidade como no conxunto da provincia tamén repercutirán as axudas para a rehabilitación de vivendas baleiras, a ampliación das desgravacións para libros de texto ou o Bono Peixe
Lugo, 5 de maio de 2025. O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, salientou hoxe que Lugo, tanto a provincia como a súa capital, se verá beneficiado das medidas anunciadas no Debate do Estado da Autonomía: propostas concretas, realistas e pensadas para mellorar a vida dos galegos e galegas.
Ante os membros da Xunta Directiva Provincial e Local do PP de Lugo celebrada esta tarde e na que tamén participaron a presidenta do partido na provincia e portavoz municipal, Elena Candia, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o presidente local, Ramón Carballo, o líder dos populares galegos asegurou que a folla de ruta presentada hai dúas semanas recolle moitas das inquedanzas que os alcaldes e voceiros trasladaron desde cada un dos seus territorios.
Entre as medidas, Rueda destacou o maior plan de residencias públicas da historia para concellos pequenos e medianos, que nesta provincia terá un impacto moi importante, ou as axudas para a rehabilitación de vivendas baleiras, fundamentais para fixar poboación no rural e para loitar contra o despoboamento.
Así mesmo, falou das accións de apoio á pesca e á alimentación saudable, como os bonos para consumo de peixe fresco por 50 euros, o chamado Bono Peixe; as medidas fiscais para apoiar ás familias, como a ampliación das desgravacións para libros de texto; ou os investimentos estratéxicos en innovación con marca propia, I+G+i, para que tamén en Lugo se poida crear emprego cualificado e competitivo.
O presidente do PPdeG deixou claro que non son promesas, senón realidades en marcha, porque iso é gobernar: escoitar, actuar e anticiparse. En resumo, aplicar o Estilo Galicia, baseado na moderación, no diálogo, no traballo e nos resultados concretos, buscando solucións prácticas á vida da xente.
Por último, Rueda avogou por que o PPdeG siga sendo unha referencia, tanto a nivel local como provincial e autonómico, e agradeceu o seu traballo aos alcaldes que están a pé de rúa; aos portavoces que representan a voz dos populares nas corporacións locais; aos deputados autonómicos que traballan para que Lugo teña peso no Parlamento e no conxunto de Galicia; e aos deputados nacionais e senadores, polo seu gran labor nas Cortes Xerais.
ELENA CANDIA: “O PP REALIZA UN GRAN TRABALLO CONTINUO NO DÍA A DÍA DO CONCELLO E DA PROVINCIA”
Pola súa banda, Elena Candia, salientou que o Partido Popular suma 35 alcaldías na provincia, que supoñen máis do 52% dos concellos, tras incorporar O Valadouro e Viveiro nos últimos meses e onde o PP xa fora a forza máis votada nas últimas municipais. “Continuamos buscando acordos que repercutan no ben dos nosos concellos, dos nosos veciños e do noso proxecto político”, subliñou.
José Manuel Lamela e Mariña Gueimunde son, na súa opinión, “só dous exemplos dos 35 que temos na provincia e que demostran cada día a capacidade dos representantes do Partido Popular para a xestión e para proporcionar gobernos estables nos nosos municipios”.
Candia defendeu que o partido está a realizar “un gran traballo” na provincia e que o fai ademais “dun xeito continuo no día a día da cidade e de tódolos recunchos provincia” da man dos seus representantes nas distintas institucións, co obxectivo de atender as necesidades trasladadas polos veciños e, de ser o caso, facer consultas, impulsar propostas e, tamén, acompañando aos lucenses nas actividades de dinamización social.
Ademais, facendo referencia á segunda metade das lexislaturas municipais que se inicia proximamente, chamou aos seus fortalecer o partido e a traballar a pé de rúa, animando a alcaldes e portavoces a defender aos veciños “desde a responsabilidade e co obxectivo de velar polos seus servizos e polo desenvolvemento do territorio”.
A presidenta provincial tamén recoñeceu a coordinación das accións do Partido Popular nas distintas institucións. Nuns casos con propostas positivas para o desenvolvemento do territorio, a potenciación dos distintos sectores e a adaptación dos servizos ás necesidades dos veciños e veciñas. E, noutros, reivindicando igualdade de trato ao goberno de PSOE e BNG na Deputación de Lugo e ao Goberno de Sánchez no Estado.
Elena Candia tamén deu conta do traballo na cidade de Lugo, onde o Partido Popular marca gran parte da actualidade, se implica no desbloqueo de proxectos importantes –como a protectora de animais ou a ansiada praia fluvial– e tamén contribúe a dinamizar a vida social e cultural. Ademais, “seguimos mantendo reunións periódicas con representantes da sociedade e tendendo a man aos veciños e veciñas”.