Xermade, 12 Maio, 2025. Un tráxico accidente de tráfico ocorrido esta tarde no concello lugués de Xermade saldouse co falecemento dunha muller e varias persoas feridas, entre elas dous menores.
O suceso tivo lugar arredor das 18:50 horas na estrada LU-861, á altura do quilómetro 12, na parroquia de Candamil. Un particular contactou co 112 Galicia para alertar de que un vehículo saíra da vía e precipitárase por un barranco, quedando nunha zona de maleza e de difícil acceso.
Nada máis recibir o aviso, desde a central de emerxencias do 112 Galicia mobilizouse un amplo operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que desprazaron ata o lugar o helicóptero medicalizado con base en Santiago, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os efectivos de Protección Civil.
Ao chegar ao punto, os equipos de intervención indicaron que todos os ocupantes do vehículo atopábanse fóra do habitáculo, pero foi necesaria a intervención dos bombeiros para o seu rescate debido á complexidade do terreo no que quedaron tras a caída.
Como consecuencia do accidente, unha muller perdeu a vida. Outra persoa foi evacuada en helicóptero ao Hospital Universitario da Coruña e dous menores estaban sendo atendidos no lugar polo persoal sanitario.