Adxudicadas as obras de acondicionamento de 14 quilómetros da LU-P-4905 entre Portomarín e Taboada; a totalidade da LU-P-6003, de Couto a Viloíde en Monterroso; medio quilómetro da LU-P-2703, na Pobra de San Xiao; e á totalidade da LU-P-1104, que vai de Castro de Rei a Cospeito desde Portomuíño a Momán
Lugo, 6 de xuño de 2025. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo celebrada este venres aprobou investir máis de medio millón de euros na mellora de cinco estradas provinciais. Así o informou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, na rolda de prensa celebrada tras a sesión semanal desta mañá. Explicou que as obras afectarán a diferentes vías ao seu paso polos concellos do Corgo, Taboada, Monterroso, Láncara, Castro de Rei e Cospeito.
Licitados por 160.540,19€ os traballos de mellora dun novo tramo do cinto comarcal, a LU-P-16101, á altura do Corgo. Concretamente, con cargo a este investimento, a Deputación acondicionará algo máis dun quilómetro e medio entre Camposo e Pacios, desde o punto quilométrico 9,020 ao 10,725. Os traballos consistirán na reapertura de cunetas, repavimentación con aglomerado en quente, pintado da vía e reposición da sinalización vertical.
O prazo de execución para estas obras será de 3 meses desde o seu inicio. Unha actuación que vén complementar outras que a Deputación rematou nesta vía ao seu paso polo Corgo esta mesma semana. Concretamente, a institución mellorou con medio millón de euros o tramo entre o Alto de Gomeán e a parroquia de Marei, á altura de Maceda. Ademais, García Porto subliñou que a Deputación está a executar traballos na LU-P-1611 entre os concellos de Begonte e Castro de Rei, cun investimento da Deputación de 375.000€.
“Nos últimos cinco anos, a Deputación de Lugo impulsou un total de sete proxectos para mellorar en diferentes tramos o cinto comarcal, esencial para as comunicacións da provincia, cun investimento duns 3,65M€”, valorou a Deputada. Explicou que a institución provincial ten mellorado desde o 2020 máis de 35 quilómetros, case o 30%, da LU-P-1611 ao seu paso por Pol, Castroverde, Cospeito, Castro de Rei, Friol, Lugo, Guntín, O Corgo e Begonte. “Un esforzo inversor importante nunha estrada que conecta un total de 11 concellos nos seus máis de 131 quilómetros”, destacou.
Adxudicadas as obras doutras 4 vías
A Xunta de Goberno celebrada este venres adxudicou tamén as obras doutros tres proxectos para a mellora de catro vías “que virán mellorar a mobilidade da provincia”. Nese sentido, a Deputada explicou que en Taboada, a empresa Ogalia Contratas SL será a encargada da mellora dun tramo de 14 quilómetros da LU-P-4905, que é a estrada que conecta á vila co concello de Portomarín no enganche da vía autonómica LU-633.
Estas obras afectarán ao treito comprendido entre a parroquia de Vilarbasín, en Portomarín –á altura do quilómetro 10- e Bembibre, en Taboada, e consistirán na reapertura de cunetas, saneo da explanada, reparación das imperfeccións, repavimentación e reposición da sinalización vertical. “Uns traballos que mellorarán notablemente as comunicacións entre ambos concellos, xa que é a estrada máis directa entre ambas, e tamén a conexión dos veciños e veciñas das diferentes parroquias ás que dá servizo directo”, explicou Pilar García Porto.
Ademais, a través deste proxecto adxudicado por 211.750€ melloraremos tamén a totalidade da LU-P-6003 que, con algo máis de dous quilómetros, conecta Couto no concello de Taboada con Viloíde, en Monterroso. O prazo para a execución destes traballos en ambas estradas será de 3 meses desde o seu inicio.
En Láncara, a empresa Ovisa Pavimentos y Obras SLU resultou adxudicataria da mellora de medio quilómetro da LU-P-2703, que vai da Pobra de San Xiao a Carracedo por 68.486€. As obras afectarán ao inicio da vía no tramo urbano da Pobra, desde o cuartel da Garda Civil ata o Campo da Feira, e consistirán na reapertura de cunetas, pavimentación e reposición da sinalización vertical e pintado da estrada. Neste caso, o prazo de execución dos traballos será dun mes desde o inicio das obras.
Finalmente entre Castro de Rei e Cospeito, a empresa Construcciones Carballeira SL será a encargada das obras de mellora da estrada LU-P-1104, que é a que conecta os concellos de Castro de Rei e Cospeito desde Portomuiño a Momán. Os traballos afectan á totalidade da estrada -desde o punto quilométrico 0 ao 7,624- e consistirán na reapertura de cunetas, reparación de desperfectos no firme e repavimentación. O prazo para a execución destes traballos será de mes e medio desde que se inicien as obras.
“Unha actuación importante porque esta vía articula o norte do concello de Castro, dando servizo directo á veciñanza de varias parroquias e a diferentes explotacións agrogandeiras”, valorou García Porto.
Convenio Mercado Nadal 2025
Este venres tamén saíu adiante un convenio de colaboración co Concello de Lugo para financiar de forma conxunta o Mercado de Nadal do 2025. Concretamente, a institución provincial achegará 30.000€ e o Concello outros 60.000€ para chegar a un orzamento conxunto de 90.000€ que servirán para financiar a montaxe e desmontaxe da infraestrutura; a decoración do mercado; a ambientación e dinamización; e a publicidade e difusión do mercado.
“A celebración do Mercado de Nadal atrae a visitantes e turistas á cidade de Lugo, o que incrementa as vendas en comercios, restaurantes e postos de venta. O que se traduce nun aumento dos ingresos para os negocios, locais e a xeración de emprego durante a temporada”, explicou a Deputada, que sinalou que ademais a decoración e as actividades fomentan un ambiente alegre e motivan á xente a comprar, polo que é unha excelente oportunidade para impulsar a economía do municipio e fortalecer a comunidade.