Ribadeo, 5 de xuño de 2025. Está aberta a inscrición para participar no campus de verán do Atlético de Madrid que se desenvolverá en Ribadeo do 28 de xullo ao 9 de agosto.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, explicou que “haberá dúas quendas deste campus, unha que terá lugar do 28 de xullo ao 2 de agosto e outra do 4 ao 9 de agosto. Desenvolverase de luns a sábado en horario de 9:30 a 14:00 horas e está destinado a rapaces de 5 a 16 anos. Os participantes recibirán valoración técnica, equipación do campus do Atlético de Madrid, diploma acreditativo, así como recordos e fotografías”.
Silvent contou que “este campus contará con servizo de autobús entre Foz e Ribadeo pasando por San Cosme de Barreiros e San Miguel de Reinante e entre La Caridad e Ribadeo pasando por Valdepares, Tapia, Figueras, Barres, Castropol e Vegadeo. Todo co obxectivo de facilitar a asistencia de rapaces de toda a contorna”.
Os responsables e adestradores de primeiro nivel da Academia do Atlético de Madrid sacarán o mellor de cada xogador axudándolle a aprender e acadar o nivel óptimo de rendemento acorde ao seu grupo de idade, ademais de proporcionarlle un entorno seguro e protexido onde practicar deporte mentres fan amigos e se divirten. Dedicarán especial atención á transmisión de experiencias profesionais e persoais, traballarán as habilidades individuais de cada alumno e explicarán as estratexias grupais así como a técnica e a táctica máis específica do fútbol con ferramentas programadas para a progresión dos asistentes.