Ribadeo, 4 de xuño de 2025. Acisa Ribadeo suma nove novos asociados neste 2025 e lanza unha nova campaña de captación, tras o recente premio outorgado pola Xunta de Galicia como comercio excepcional.
Desde Acisa a súa presidenta, Carmen Cruzado, dixo: “gustaríame en nome da xunta directiva e da xerencia darlles a todos os novos negocios asociados publicamente a benvida á nosa asociación. Trátase de Susana Kempes Floristería Esotérica, O Tumbín Ponte Dos Santos, Aware Cakes, Galán, Los Dulces de Delphine, Mary Poppins, Jilgueritos, Mimimó e Endesa. E aproveito tamén para animar aos negocios de Ribadeo: comerciantes, hostaleiros, industriais, servizos e autónomos, hoteis, etc… a que se poñan en contacto con Acisa Ribadeo para que os visitemos ou para que se acheguen ás nosas instalacións e lles expliquemos cara a cara todas as vantaxes que supón formar parte deste colectivo. Aquí traballamos para dinamizar e potenciar a actividade económica de Ribadeo e para que iso repercuta no tecido empresarial. Non debemos esquecer que todo negocio é benvido, que todas as empresas, sexan do sector que sexan, teñen cabida na nosa entidade e que cantos mais sexamos mais poderemos facer por Ribadeo e pola nosa economía”.
O xerente, Jesús Pérez, insistiu en que “en Acisa atoparán todo tipo de asesoramento sobre subvencións, axudas, programas específicos ou cambios normativos. Os asociados e asociadas contan con materiais gratuítos para os seus negocios como poden ser bolsas para o comercio de tea e de papel e para a hostalería, tamén envases de comida para levar, vasos térmicos, mapas para hoteis, vasos de ocio nocturno, papel de regalo, material de rebaixas, cartelería oficial, etc… así como todo o referido ás múltiples e variadas campañas que organizamos ao longo de todo o ano. Ademais temos asinados hasta 12 convenios de colaboración beneficiosos para todos os nosos asociados, que tamén lles axudarán a aforrar custes, como poden ser en transportes, entidades bancarias, etc”.
Pérez Prada sinalou que “ao longo das vindeiras semanas ademais daremos a coñecer novidades importantes sobre actividades para este ano. Estamos a falar de sorteos, campañas de dinamización, materiais, actividades novidosas…. se hai un momento idóneo para darse de alta en Acisa é agora. Comezamos a tempada alta con novidades e teremos un verán cheo de propostas. Calquera empresa interesada en obter máis información pode dirixirse á nosa oficina de luns a venres de 9:00 a 14:30 ou chamando por teléfono ao 663 39 62 26 ou no correo electrónico info@acisaribadeo.es”.
O xerente de Acisa lembrou que “pechamos 2024 realizando preto de 50 actividades. E estando aínda a metade do 2025 xa sabemos que vamos superar estes datos ao peche do ano. Estamos dando o mellor de nos para que Acisa siga a ser un eixe de promoción económica fundamental en Ribadeo. Sen dubida creemos que o noso colectivo, a día de hoxe, ofrece unha gran variedade de servizos beneficiosos para os seus membros”.
A presidenta de Acisa animou “a todos os establecementos a darse de alta nestas datas para poder aproveitar toda a campaña do X Ribadeo Indiano e a deste verán de 2025, que será excepcional ao igual que o recoñecemento que acabamos de recibir por parte da Xunta de Galicia. Como queremos seguir medrando tamén na organización de actividades aproveitamos para facer unha chamada ás empresas de Ribadeo e da contorna que estean interesadas en participar como patrocinadores da nosa ampla programación anual. Somos unha entidade seria, solvente e profesionalizada, que busca novos inversores externos que nos axuden a cofinanciar as actividades que desenvolvemos ao longo do ano. Como contraprestación recibirán a correspondente promoción a través dunha das asociacións máis relevantes de Galicia”.