A nova executiva aposta por un proxecto de futuro para revitalizar o municipio e poñelo “no lugar que merece Terra Chá”
Cospeito, 23 de xuño de 2025. O PSdeG-PSOE de Cospeito vén de renovar a súa dirección local coa elección de Daniel Irimia Yáñez como novo Secretario Xeral da agrupación municipal, nun proceso que culmina coa posta en marcha dun novo proxecto político centrado na revitalización do municipio e na mellora da calidade de vida da veciñanza.
Acompañan a Irimia na nova executiva María González Castro, como Secretaria de Organización, e Pablo Albariño Vázquez, como Secretario de Política Municipal. Trátase dunha das direccións locais máis novas da provincia, formada por persoas con menos de corenta anos, “tanto María coma Pablo son dúas persoas honestas, humildes e que procuran sempre o mellor pros veciños, é un orgullo telos ó meu lado”, afirmou Irimia.
Daniel Irimia foi o candidato socialista á Alcaldía nas eleccións municipais de 2023. Investigador, escritor e poeta, é tamén o voceiro do Grupo Municipal Socialista, desde onde exerce unha oposición firme, propositiva e construtiva, plenamente implicado no seguimento da actualidade local e na defensa dos intereses da veciñanza.
Desde a súa chegada á política municipal, Irimia deixou claro o seu compromiso con Cospeito: “non viñen aquí a facer o paripé, nin simplemente a participar, viñen a ganar en 2027 e demostrarlles aos veciños que se pode gobernar doutra maneira, pisando as parroquias cada semana, atendendo as demandas dos veciños e coidando o que temos, quen non o coida, non o valora”.
Agora, desde a Secretaría Xeral, reitera ese compromiso e pon o foco nas infraestruturas rurais, na fixación de poboación e na mellora dos servizos públicos: “é necesario poñer a punto a maioría das estradas municipais, atender as solicitudes da auga da traída e estender o alumeado público, non hai unha sóa parroquia onde non haxa un barrio cun estado lamentable”, “debemos garantizar a permanencia do Centro Médico, ampliar a Escola Infantil e ofertar máis prazas, e por suposto estender o SAF, que actualmente atende a menos de 100 usuarios en todo o concello”, “isto é o básico, cando non se atende o básico, de pouco sirve o conto”.
O PSdeG de Cospeito inicia así unha nova etapa con forza renovada e cun equipo que representa a ilusión, a responsabilidade e o compromiso: “o primeiro é Cospeito, o segundo é Cospeito e o terceiro é Cospeito, Cospeito en serio”, concluíu Irimia.