Ribadeo, 11 de xuño de 2025. O xornalista e estudoso Martín Fernández Vizoso será o pregoeiro do X Ribadeo Indiano, que está dedicado á figura do filántropo Ramón González. O evento foi presentado esta tarde a carón da casa na que naceu na rúa San Roque.
O alcalde, Dani Vega, manifestou: “qué alegría nos da ver tanta institución xunta. Iso quere dicir que se pensa en Ribadeo e se inviste en Ribadeo. O Ribadeo Indiano é toda unha reivindicación histórica. Agradecer a todos a colaboración dunha forma ou doutra para financiar unha actividade cultural que ten un impacto económico moi importante en Ribadeo. Estamos a falar de máis de 3 millóns de euros. É unha inxección económica para todo tecido empresarial”.
O rexedor dixo que “o pregoeiro está hoxe aquí con nós. Martín Fernández Vizoso conta cunha bagaxe periodística importante e vainos relatar perfectamente quen é Ramón González, a quen se dedica este Ribadeo Indiano, a todo un filántropo e á súa dona Corona, que deixaron a súa pegada na Praza de Abastos ou na Orde Terceira”. E subliñou que “a filantropía non é unha cousa do pasado. Os filántropos seguen en Ribadeo, as administracións non sodes filántropos, senón colaboradores necesarios, pero a título privado temos moitos filántropos que colaboran con nós tamén no Ribadeo Indiano”.
Vega manifestou: “quero recoñecer a un filántropo que igual ás veces non vemos polas rúas, pero Víctor Moro segue a ser un filántropo de Ribadeo. Si este ano contamos coa orquestra Van Van é grazas á Víctor Moro, que nos financia esta actuación. Logo o Concello encárgase da hospedaxe e da alimentación. Eu quero destacar o que fai Víctor Moro por Ribadeo xunto con outros filántropos que iremos coñecendo ao longo destas datas”.
O alcalde tivo palabras de agradecemento para o traballo desenvolvido polas concelleiras de Turismo e de Cultura, Marta Saiz e Begoña Sanjurjo.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, indicou que “o Ribadeo Indiano é a data máis agardada do ano pola hostalería local e polos hoteis e unha das máis importantes tamén para moitos comercios, que se converten en auténticas referencias nas que atopar traxes, sombreiros, pamelas, zapatillas, zapatos, garabatas… Aquí dentro de nada todo se tinguirá de branco e todo ulirá ás Américas. Os escaparates das tendas prepáranse para a ocasión, moitas montan preciosos photocall para que os milleiros de persoas que nos visitan eses días poidan inmortalizar o momento. A hostalería prepara pratos con produtos chegados de ultramar. O Ribadeo Indiano é un evento histórico cultural do que gozan desde as máis pequenas e pequerrechos da casa ata as avoas a os avós de máis de 90 anos”.
E engadiu: “a xente bótase á rúa e empápase da historia, da cultura e das tradicións dos que un día tiveron a sorte de retornar á terra que os viu nacer, despois de pasar duros e intensos anos de traballo na emigración. A súa pegada está en moitos recunchos de Ribadeo”.
No acto tamén interviñeron o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e a deputada responsable da Área de Cultura da Deputación, Iria Castro. Todos coincidiron en subliñar en traballo conxunto e o apoio institucional para poder organizar un evento histórico cultural como é o Ribadeo Indiano. Asistiron ademais, entre outros, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, o deputado da Área de Medio Rural e Mar, Dani García, o xerente de Acisa, Jesús Pérez, o pregoeiro Martín Fernández Vizoso, así coma concelleiras e concelleiros da Corporación Municipal de Ribadeo.
Charlas, exposicións, obradoiros de baile, o Mercadiño de Ultramar, os haigas, visitas teatralizadas, xincana e moita música son algunhas das actividades das que poderán gozar os milleiros de persoas que se darán cita no X Ribadeo Indiano do 11 ao 13 de xullo.