Noa Presas: “É escandaloso que se despida a alguén con tal acusación con aplausos e mostras de solidariedade, incluídas as da titular de Igualdade”
Santiago de Compostela, 5 de xuño, 2025. A portavoz de Feminismo e Igualdade do BNG, Noa Presas, vén de reclamarlle ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicacións urxentes por “encubrir” durante meses un presunto agresor sexual no seu Goberno, tal e como recoñeceu el mesmo esta mañá ao admitir que o ex conselleiro do Mar, Alfonso Villares, lle notificou xa en febreiro que fora denunciado.
“Como pode o titular da Xunta saber isto e non actuar con máis anticipación?”, preguntouse a deputada nacionalista, que acusou ademais ao máximo responsable do Executivo de intentar rebaixar a gravidade da imputación, apelando á recuperación de Villares para a vida pública e insinuando así que a súa acusación responde a unha denuncia falsa, “banalizando” a violencia machista como, recordou, fai a extrema dereita, e nun momento no que a “repulsa” a este tipo de violencia “é máis necesaria que nunca”.
“É un disparate querer converter o acusado en vítima”, advertiu, lembrando neste punto que, segundo o poder xudicial, a porcentaxe de denuncias falsas é ínfimo, dun 0,0084% entre 2009 e 2023. Igualmente “impresentable” é, sostivo, rebaixar a gravidade da imputación intentando relegar os feitos á esfera persoal cando, claramente, “transcenden o privado”.
A deputada nacionalista reprobou así mesmo o intento de converter nunha “heroicidade” a dimisión de Villares e, neste sentido, considerou “escandaloso” que o ex conselleiro imputado por agresión sexual fose despedido “entre aplausos” e “mostras de solidariedade” por parte dos membros do Goberno galego, a comezar —subliñou— pola conselleira de Igualdade, Fabiola García.
Criticou, neste sentido, a mensaxe que o Executivo de Rueda está a dar as mulleres vítimas de violencia machista e a aquelas que, neste momento, están pensando en poñer unha denuncia contra o seu agresor. “Non se pode empregar a posición de poder do Consello da Xunta para edulcorar esta cuestión e para lavar a imaxe pública do denunciado nin para amparar o machismo”, salientou, ao tempo que considerou isto unha falta de respecto ás vítimas. Avogou, pola contra, por mandar ás mulleres unha mensaxe de “eu si te creo” e de que as institucións e os as responsables políticas están “á altura das circunstancias” ante feitos como os denunciados.
Tal e como adiantou Presas, o BNG xa presentou no Parlamento unha iniciativa para reclamar explicacións ao presidente da Xunta e para que se investigue, “porque é dunha gravidade enorme”, por que transcendeu aos medios de comunicación o nome da denunciante, á que transmitiu o “profundo respecto e solidariedade” do BNG. Emprazou, deste xeito, o PP a aclarar “de onde sae a filtración que algúns medios atribúen ao propio entorno do imputado.
“Se é certo —engadiu— que a información vén das súas propias filas estarían dando unha mensaxe absolutamente demoledora a calquera muller que estea pensando en denunciar, porque se lle estaría dicindo que vai ser colocada automaticamente na picota do debate público”.
A deputada nacionalista, que comezou a súa intervención recordando que este ano en Galiza houbo xa dous feminicidios e que nos últimos días se rexistraron tres intentos de asasinatos machistas en Valdeorras, Tomiño e Verín, afirmou compartir a sensación de “frustración e a rabia pola situación de desamparo” que poden estar a percibir moitas mulleres, máis tendo en conta “a mensaxe terrible” que envía a “falta de contundencia do PP” ante os feitos denunciados e que “o conselleiro dun goberno que en teoría ten que protexer os nosos dereitos, nunha posición de poder, sexa imputado por agresión sexual”.
Presas destacou que “as mulleres non queremos ser valentes, queremos ser libres e por iso queremos insistir en que para camiñar cara esa liberdade é fundamental facer visible e denunciar a violencia machista”. Por iso, agregou, o que está a acontecer é tamén unha demostración de que o feminismo andou moito nas últimas décadas, apelando a converter o “sentimento de rabia” na “confianza de que as mulleres deste País somos máis fortes e de que no futuro seguiremos fortalecendo o sistema do que nos temos dotado, traballando con máis forza e con menos silencio en contra da violencia machista”, concluíu.