Os deputados do Grupo Provincial Popular amosaron a súa preocupación durante unha reunión recente con representantes do sector en Celeiro (Viveiro)
A Mariña, 20 de xuño de 2025. Os deputados do Grupo Provincial Popular amosaron a súa preocupación ante a recente sentenza do Tribunal Xeral da UE (TXUE) na que se desestima o recurso contra o restritivo regulamento promovido polo anterior comisario europeo ecoloxista que establece 87 vedas á pesca de fondo no Atlántico Nororiental “sen avais científicos nin ter en conta os factores socioeconómicos”.
Representantes do sector pesqueiro trasladaron aos deputados populares nunha reunión recente con armadores e representantes do sector en Celeiro (Viveiro) as graves consecuencias para a frota da Mariña lucense “a pesar de que emprega artes de pesca coma o palangre de menor impacto que outras de fondo coma o arrastre” porque “á hora de establecer o veto non se tiveron en conta estas diferencias entre as distintas artes de pesca”.
A pesca é un dos principais sectores económicos da Mariña, máis da metade das embarcacións afectadas pola citada sentencia teñen base na nosa provincia, que conta con dous importantes portos a nivel autonómico e estatal polo que os populares esixirán a implicación do goberno da Deputación de Lugo.
Así, no vindeiro Pleno solicitarán que o goberno provincial de PSOE e BNG solicite ao Goberno de España a interposición dun recurso de casación ante a decisión de desestimar as demandas de anulación da normativa comunitaria que impón 87 vedas de pesca no Atlántico Nororiental.
Os populares proporán que o Goberno de España achegue a información científica recompilada desde o ano 2022 para descartar ou confirmar a existencia de ecosistemas mariños vulnerables nas áreas vedadas e o impacto que a actividade pesqueira da frota causa nestes espazos. E que desenvolva cantas accións sexan precisas, diante das autoridades comunitarias, en apoio ás demandas das entidades do sector afectadas, apostando por unha nova regulación que estableza un maior equilibrio entre os factores ambientais, económicos e sociais e permita garantir a sostibilidade e futuro da pesca de fondo.
No mesmo sentido, os grupos do Partido Popular no Congreso e no Senado teñen formulado preguntas ao Goberno de España sobre as medidas que ten previsto adoptar e as que xa debera ter adoptado desde o ano 2022. Tendo en conta que tanto a desestimación do Tribunal Xeral de Xustiza da UE coma o propio Regulamento se basean na posible presenza de especies vulnerables á pesca de fondo, agardan que o Executivo de Sánchez aclare se ten recompilado información científica para descartar ou afirmar a existencia destes ecosistemas mariños vulnerables e os efectos que o palangre de fondo poida causar nesas áreas.
A Xunta de Galicia, que participou no procedemento xudicial en calidade de coadxuvante achegando información relevante sobre a actividade pesqueiro da frota de palangre, ten solicitado unha reunión co actual Comisario de Pesca, Costas Kadis, para analizar co sector solucións a unha cuestión vital para a pesca galega.
Os populares defenden “un maior equilibrio entre os factores ambientais, económicos e sociais que permita garantir a sostibilidade e futuro da pesca”.