Os populares propoñían “aumentar o prazo para adaptar as terrazas á nova ordenanza aprobada polo bipartito o ano pasado” porque, como xa advertían daquela, “un ano non é suficiente para cumprir coas adaptacións”
Burela, 6 de xuño de 2025. O voto de calidade da alcaldesa, a señora López Moreno, que se pronunciou en contra dunha proposta do Grupo Municipal Popular, despois de alcanzar un empate na primeira votación, “deixa na corda frouxa aos hostaleiros e hostaleiras de Burela”.
Os concelleiros do Partido Popular defendían unha iniciativa para “intentar salvagardar e dar cobertura legal aos hostaleiros que contan con servizo de terraza nos seus locais”. Concretamente, propoñían “ampliar o prazo para adaptar as terrazas á nova ordenanza”. Pero, “lonxe de apoiar aos hostaleiros de Burela, o goberno local votou en contra da nosa proposta impedindo que saíra aprobada”.
A proposta dos populares pretendía “corrixir” unha ordenanza “moi controvertida” aprobada o ano pasado polo goberno bipartito da señora López Moreno na que se establecía un prazo dun ano aos hostaleiros para adaptar a terraza ás novas normas.
O Grupo Municipal Popular xa advertía no momento no que coñeceron o texto da ordenanza que “ía ser moi difícil que os hostaleiros puideran cumprir coas adaptacións requiridas no prazo dun ano”. E, cumprido o ano a mediados de abril, os populares sinalan que “a situación segue igual”.
O portavoz popular, Manuel Rouco, explica que “a alcaldesa asegurou no Pleno que non ía aplicar a norma”. É dicir, “non vai aplicar a propia norma que ela mesma aproba”. Así mesmo, afea que “ao negarse a alcaldesa a facer unha pequena modificación como propoñía o PP, a maioría dos hostaleiros poden ter serios problemas”. É dicir, “o propio goberno bipartito dificulta que os hostaleiros o se adapten ao cumprimento das normas”.
“É sorprendente por parte de quen di defender aos veciños e veciñas de Burela e que debería dar exemplo que nin o faga e, o que é peor, que recoñeza publicamente que non vai a cumprir coas normas que ela mesma aproba”, conclúe o popular.