Alfoz e O Valadouro, 18 de xuño do 2025. Os Concellos de Alfoz e O Valadouro organizan o vindeiro 27 de xuño unha excursión dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos ao coñecido Labirinto de Rinlo, un espazo único de lecer que ofrece unha experiencia divertida e diferente, en contacto coa natureza.
Esta actividade nace coa vontade de promover alternativas de ocio educativo e fomentar a convivencia entre a rapazada dos dous municipios. Contará cun total de 50 prazas dispoñibles, repartidas inicialmente a partes iguais entre ambos Concellos (25 prazas para cada un), aínda que, no caso de que un dos Concellos non esgote as súas prazas, poderán ser cedidas ao outro ata completar o total.
As familias interesadas poderán inscribir aos seus fillos e fillas ata o 23 de xuño, tanto nas Oficinas Municipais como a través da Sede Electrónica de cada Concello. Terán preferencia na asignación das prazas as persoas empadroadas ou escolarizadas en Alfoz ou O Valadouro, seguindo a orde de inscrición.
A saída está prevista para as 15:00 h desde o CEIP de Alfoz e ás 15:10 h desde o CEIP de O Valadouro, e o regreso será arredor das 20:00 h. Durante toda a xornada, os nenos e nenas estarán acompañados por persoal monitor e municipal, garantindo así a súa seguridade e benestar.
Recoméndase que os participantes leven roupa cómoda, auga e unha pequena merenda, para desfrutar ao máximo da actividade.
Para máis información, as persoas interesadas poden consultar as bases e as redes sociais dos Concellos de Alfoz e O Valadouro.