Acusa ao Goberno de violencia institucional revitimizando á denunciante proclamando a inocencia do imputado e cuestionando a veracidade da denuncia
Santiago de Compostela, 11 xuño 2025. A portavoz nacional, Ana Pontón, recriminoulle ao titular do Executivo, Alfonso Rueda, que, “valéndose do seu cargo”, encubrise durante meses ao exconselleiro do Mar, imputado logo dunha denuncia por agresión sexual, e mesmo proclamase a súa inocencia “entre aplausos e eloxios” dende a propia sede da Xunta, lanzando a “demoledora” mensaxe ás mulleres e ao conxunto da sociedade de que, ante unha denuncia destas características, “o presidente da Xunta ampara ao presunto agresor e desprotexe á vítima”.
“Señor Rueda, encubrir un presunto agresor sexual durante meses faino indigno do cargo que ocupa”, reprobou Pontón, quen acusou ao Goberno do PP de exercer “violencia institucional” ao “pechar filas” e permitirlle saír pola “porta grande” ao exconselleiro, Alfonso Villares, cuestionando a veracidade da vítima, e mesmo permitindo filtrar a súa identidade, “ao máis puro estilo negacionista da extrema dereita”. “O pasado venres, vostede escribiu a páxina máis indigna de 16 anos de goberno do Partido Popular”, sintetizou.
A líder nacionalista censurou ao presidente do Executivo na sesión de control que, valéndose do seu cargo, encubrira durante meses a un presunto agresor sexual ao que mantivo como conselleiro “sentado ao seu lado no Consello da Xunta, viaxando en coche oficial, cobrando un salario oficial e utilizando un despacho oficial”.
Tras semellante indignidade moral e política, considera que está vostede capacitado para seguir como presidente da Xunta?”, cuestionou, para recalcar a continuación a evidencia de que “calquera persoa decente, unha vez coñecido o caso, tería cesado de inmediato ao conselleiro”.
Pontón recriminou a Rueda que non tivera “nin unha soa palabra de apoio e de respecto” coa muller que deu o “valente paso” de denunciar por unha agresión sexual “a un poderoso, a un conselleiro amigo do presidente da Xunta” e á que trasladou dende o hemiciclo unha vez máis “toda a solidariedade e apoio” do BNG.
“Organizou un acto para despedir entre abrazos e eloxios a un presunto agresor sexual enviando unha mensaxe demoledora á nosa sociedade e ás mulleres e que é que, cando hai unha denuncia de agresión sexual, o presidente da Xunta ampara o presunto agresor e desprotexe á vítima”, advertiu. “Este acto é unha mostra máis da degradación política e moral do seu goberno e de vostede como presidente”, subliñou para volver a preguntarlle a Rueda se, “despois desta indignidade”, realmente cre que “pode seguir como presidente da Xunta”.
“Canto máis o escoito, máis indigna me parece a súa posición”, afirmou a portavoz nacional ante a resposta do titular do Executivo, ao que acusou de “intentar frivolizar e rebaixar a gravidade” dunha denuncia por agresión sexual a un membro do seu goberno que é ademais, recalcou, “o seu amigo persoal”.
Pontón considerou unha “vergoña intolerable e grotesca” que Rueda proclamase a inocencia de Villares e avogara por recuperalo para a vida política “utilizando as institucións públicas deste País” sen amosar nin un ápice de solidaridade, apoio e respecto pola muller denunciante.
“Segue vostede sen desculparse coas vítimas de violencia machista e coas mulleres deste País, ás que nos ten que explicar por que, cando hai unha denuncia de agresión sexual, se pon do lado do agresor e non da vítima”, incidiu, para criticar a continuación ao presidente da Xunta que presumira de telo feito todo ben.
“Que fixo ben, señor Rueda, encubrir durante meses a un presunto agresor? Permitir que o entorno do conselleiro filtrara o nome da vítima? Organizar un acto de despedida para despedir entre abrazos a un presunto agresor sexual? Dicirnos que isto, unha agresión sexual, era un problema privado?”, Pontón, quen recordou á bancada do PP que a violencia de xénero non é un asunto privado, senón “un problema político de primeira magnitude” tal e como levan reclamando as mulleres durante décadas.
A líder nacionalista advertiu a Rueda que a súa decisión de encubrir a un presunto agresor sexual “degrada as institucións” e conduce á conclusión de que “non é digno de ser presidente da Xunta”. “Estou segura de que a maioría deste País non lle votou para encubrir a un agresor sexual, de que a maioría dos galegos e das galegas senten vergoña cando saben que un conselleiro denunciado desde o mes de xaneiro por agresión sexual estivo no seu cargo porque vostede o amparou e o tapou”, recalcou.
“Creo que Galiza merece moito máis, as mulleres deste País e o conxunto da cidadanía, porque a súa actitude, señor Rueda, é gravísima e fai que sexa indigno do cargo que ocupa”, concluíu.