Ribadeo, 9 de xuño, 2025. Este xoves 12 de xuño, ás 20, na Biblioteca Municipal El Viejo Pancho, a A.C. Francisco Lanza organiza a presentación do libro ‘A fraga dos teixos. Relato dun naturalista tolo’, de Xosé Salvadores (Tempo Galiza Editora), poñendo así o colofón a un curso cheo de presentacións e que culminará este domingo 15 coa viaxe pola Ribeira Sacra.
Xosé Salvadores é unha persoa máis preocupada por deixar aos seus descendentes un bosque de teixos que un saco cheo de moedas. As moedas pouco duran na man, e ben que poden encirrar na xente. Un bosque de teixos sempre esperta a sensación de serenidade. Especie nobre por excelencia, o teixo é unha das árbores que máis axuda precisan no noso país. Deixar un bosque de teixos é deixar saúde ás novas xeracións, é deixar biodiversidade, riqueza ecolóxica.
Xosé Salvadores describe neste seu libro as peripecias dun ano de traballo para restaurar a biodiversidade en 14 ferrados de monte inzados de eucaliptos, nun Caderno de campo que ben pode ser lido como unha amena guía de fauna e flora da Galiza e, especificamente, da Mariña. Mais tamén como un convite para actuarmos en defensa da natureza e do noso medio tan agredido. Mesmo pode ser visto como un exemplo do que pode ser feito con vontade individual e, sobre todo, con planificación institucional e esforzo colectivo.