A Pontenova, 24 de xullo, 2025. O Concello da Pontenova convocou a veciñanza a unha concentración que tivo lugar este mércores diante do edificio da Xunta en Lugo. A CIG-Ensino estivo presente apoiando todas as reivindicacións, especialmente as relacionadas coa situación do colexio, despois de que a Consellaría de Educación anunciase a supresión dunha aula de infantil. Até o curso pasado, o centro contaba con tres unidades nesta etapa, pero desde inspección comunicaron que, de cara ao próximo curso, a aula de 5º de infantil será dividida: metade do alumnado será trasladado a 4º e a outra metade a 6º.
A CIG-Ensino reclamou onte, na Xunta de Persoal Docente de Lugo, que se mantivese a dotación de profesorado no centro co fin de conservar as mesmas unidades, xa que o número de alumnado non diminuíu. Porén, a petición foi rexeitada.
“Desde a ANPA trasladáronnos múltiples queixas polo abandono que sofre o centro, especialmente desde que en decembro caeu parte do teito da aula de 6º de primaria, o que obrigou a trasladar o grupo á biblioteca. Denuncian tamén filtracións nas paredes do comedor. As familias reclaman, como non podería ser doutro xeito, un espazo seguro e saudábel para os seus fillos e fillas”.
Xunto a estas demandas educativas, sumáronse as relacionadas coa atención sanitaria, xa que o concello non conta con persoal sanitario suficiente, o que provoca que para obter unha consulta de atención primaria haxa que agardar máis de quince días.
“Unha vez máis, comprobamos o desprezo da Xunta de Galiza cara ao rural, ao non garantir servizos públicos de calidade que permitan manter un rural vivo e con futuro”.