O delegado territorial, Javier Arias, participou na presentación do programa, que inclúe un concerto do artista asturiano Enol o día 2 de agosto patrocinado polo Goberno galego
Lugo, 11 de xullo de 2025.- A Xunta renova un ano máis a súa colaboración coa Feira do Bonito de Burela, que celebra a súa 39ª edición os días 2 e 3 de agosto. A cita, organizada pola Sociedade Cultural e Recreativa Ledicia, está declarada de Interese Turístico Nacional.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe no acto no que se deu a coñecer o programa, que incluirá un concerto do cantante e compositor asturiano Enol patrocinado en exclusiva polo Goberno galego.
A actuación será o sábado 2 ás 23,00 horas na explanada portuaria. O artista recalará en Burela no marco da xira de presentación do seu novo traballo Una casa con jardín, coa que está a percorrer escenarios de toda España.
A programación deste ano inclúe o V Tapeo Bonito polos establecementos de hostalería participantes – do 17 ao 19 de xullo -; así como torneos de fútbol e baloncesto que xa comezarán nos días previos. O día 2 ás 10,30 horas inaugurarase no porto o III Encontro de Alfombrismo e Arte Efémero Galego; e a partir das 13,00 horas abrirá a feira e a degustación de bonito, que se manterá pola tarde de xeito continuado. O domingo haberá actividades infantís ás 11,30 horas e degustación a partir das 13,30.
Arias destacou que a festa do bonito “é unha cita gastronómica de referencia a nivel nacional”, na que se enxalza un produto “que constitúe un impulso económico para Burela e representa un dos seus principais sinais de identidade”.