A iniciativa, totalmente gratuíta, busca fomentar as competencias dixitais da mocidade a través do xogo, a creatividade e o traballo en equipo, coa obtención dun certificado europeo DigComp
Burela, 24 de xullo de 2025. O Concello de Burela, en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios, confirma que do 4 ao 8 de agosto terá lugar unha nova edición do Campamento Dixital na Aula Cemit, situada no Centro de Formación Ocupacional da vila.
A actividade desenvolverase en horario de mañá e está dirixida a rapaces e rapazas de entre 9 e 17 anos.
Este campamento enmárcase no Programa de Competencias Dixitais para a Infancia (CODI), impulsado polo Ministerio de Xuventude e Infancia e financiado pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation EU.
A participación é 100% gratuíta e inclúe, ao remate, a entrega do certificado oficial DigComp, que acredita as competencias dixitais adquiridas.
Durante cinco días, a rapazada poderá experimentar a tecnoloxía de forma lúdica, segura e responsable, mediante xogos, retos, dinámicas creativas e actividades adaptadas a cada idade. Os contidos abranguen desde a creación de vídeos e presentacións ata o desenvolvemento de apps, hábitos saudables no uso de internet, prevención do ciberacoso, pensamento crítico ante as noticias falsas e o uso ético da intelixencia artificial.
“É unha oportunidade extraordinaria para que os nenos e nenas de Burela aproveiten o verán aprendendo sobre tecnoloxía, adquirindo habilidades moi valiosas divertíndose”, explicaba Mario Pillado, tenente da alcaldesa de Burela. “Apostamos por iniciativas que reforzan a educación dixital e a igualdade de oportunidades no acceso ao coñecemento”, concluía.
A actividade estará guiada por educadoras e educadores especializados e deseñada para garantir a participación segura e inclusiva. As familias interesadas poden inscribir aos seus fillos e fillas en campamentodigital.org ou chamando ao teléfono 674 72 76 23.