O Concello colabora coa Comparsa Los Infieles na organización dunha xornada que encherá as inmediacións da praza Vermella de gastronomía, motociclismo, música e baile urbano
Cariño, 15 de xullo, 2025. O vindeiro sábado 19 de xullo, as inmediacións da praza Vermella de Cariño converterase no epicentro da festa coa celebración da VI Festa do Polbo e o IV Roteiro Mototurística, un evento impulsado pola Comparsa Los Infieles coa colaboración do Concello de Cariño.
A xornada comezará ás 10:00 horas coa apertura da feira de artesanía, que estará aberta ao público ata as 20:00 horas. Ás 11:30 horas, dará inicio o Roteiro Mototurística, que percorrerá algúns das paraxes máis emblemáticas da comarca e prolongarase ata as 14:00 horas.
A partir das 13:00 horas servirase a comida popular, que se prolongará ata as 16:00 horas, cun menú no que non faltarán os grandes protagonistas da xornada: polbo e churrasco.
As actividades da tarde arrincarán ás 17:00 horas cun emocionante espectáculo de freestyle a cargo de Álvaro López. Ás 18:00 horas, será a quenda do alumnado da escola de baile Street Dance. Xa ás 20:00 horas, o dúo Xaque Stunt & NH Pina ofrecerá un espectáculo de acrobacias, que promete deixar pampo ao público.
A esa mesma hora, as 20:00, comezará a cea popular, que servirá como antesala para a segunda edición do Ortegal Fest. Este ano, os encargados de poñer a música serán DJ Goro e DJ Wenry, quen fará vibrar ao público cunha selección de grandes éxitos de onte e de hoxe.
Desde o goberno local faise un convite a veciños e visitantes a gozar dun “evento único no Ortegal que cada ano gaña máis adeptos para gozar coa gastronomía, a música, o baile urbano e o motociclismo”. Ademais, agradécese a disposición e bo traballo da organización para que Cariño poida gozar un ano máis dun evento de referencia no Ortegal.