Ribadeo, 24 de xullo de 2025. Comezaron as obras de construción dun aparcadoiro a carón da igrexa de Santalla. O investimento ascende a 60.000 euros.
O alcalde, Dani Vega, declarou que “pouquiño a pouco vamos facendo melloras nas nosas parroquias, sendo coñecedores de que hai moitas necesidades, sendo conscientes de que queda moito por facer. Pero, pouquiño a pouco vamos investindo, vamos mellorando infraestruturas. Neste caso, na parroquia de Santalla, unha petición que tiñan moitos veciños e hai que recoñecer todo o traballo que fixeron dende a asociación xuvenil. Todos e cada un deles, pediron que Santalla tivera un espazo onde aparcar, un espazo que estaba realmente abandonado e melloralo”.
O rexedor cre que “a mocidade, neste caso, moitos rapaces e non tan rapaces. dicíannos que había que solucionar un problema dunha parcela que estaba no entorno da igrexa, toda abandonada e chea de humidades. E tamén aproveitamos e melloramos a tubaxe que vai a moitas casas, que era de material que non está permitido, era fibrocemento, que contamina e que non cumpre coa normativa sanitaria tampouco. Entón solucionamos varios problemas. Un deles é a construción dun espazo dedicado para o aparcamento de vehículos, tamén para mellorar o entorno da igrexa”.
Vega considera que “se trata dunha mellora importantísima, un aparcadoiro que soluciona un problema que a partires de agora os coches non van estar aparcados no medio da estrada cando hai un evento, cando hai algo que se organiza tamén por parte de Santalla. Pero tamén eu creo que se xustifica claramente que hai que seguir investindo no rural, seguir defendendo tamén o rural. E neste caso, parte dunha proposta dun grupo de mozos de Santalla, e non tan mozos, que desde o goberno local o que se insistiu á Xunta era que había que mellorar este espazo, dotalo de prazas de aparcamento e a partir de aí se xestionou o orzamento necesario. Neste caso foron 70.000 euros. A obra, evidentemente, agora despois da licitación, das ofertas que se presentaron, quedou en practicamente 60.000 euros”.
O alcalde indicou que “isto é un adianto importante nas parroquias e eu creo que hai que seguir investindo, pouquiño a pouco. Agora empezamos por Santalla, xa estamos tamén traballando noutros espazos que hai que mellorar, por exemplo en Vilaframil tamén hai un espazo que non vale absolutamente para nada e imos melloralo. Pouco a pouco vamos ir estudando espazos concretos que están abandonados e pódeselles dar unha utilidade, é dicir sacar un beneficio para moitos veciños que cando van a algún tipo de evento teñan un espazo onde aparcar”.
Para Dani Vega “esta é unha obra importante, unha obra que vai en conexión co medio ambiente, podemos dicir que é un aparcadoiro que tamén está pensado desde un punto de vista medio ambiental, con materiais reciclados, tamén humanizado con árbores, en definitiva que vaia tamén no conxunto de todo o patrimonio natural que temos nas nosas parroquias. É unha boa noticia que xa comezaron as obras e pouquiño a pouco vamos indo, facendo estes espazos en todas as parroquias que traen un beneficio directo para cada veciño”.