Ribadeo, 20 de xullo de 2025. Ribadeo celebrou onte, sábado, a vixésimo oitava edición do Festival de Bandas organizado pola asociación ribadense Amadores da Música. Participaron a Xove Banda de Narón e a Banda de Música Municipal de Ribadeo, que primeiro fixeron un pasacalles desde diante do Teatro ata o Campo de San Francisco e despois actuaron no auditorio municipal Hernán Naval.
A formación de Narón, dirixida por Francisco San Ramón Calvo, interpretou O Chopo, pasodobre de Manuel Iglesias Domínguez; My way, de J. Revaux e C. François con arranxos de Noahiro Iwai; La, La, Land, de Justin Hurwitz con arranxos de Michael Brown; Viva la vida, de Guy Berryman con arranxos de Tim Waters; Abba Gold, arranxada por Ron Sebregts; e How to train your dragon, de John Powell con arranxos de Sean O´Loughlin.
E a banda ribadense, coa dirección de David Ballester Martínez, tocou Monterosi, de Jacob de Haan; Orion, de Jan van der Roost; Fanatic winds, de Thomas Doss; The lord of the rings. Extractos da sinfonía número 1, de
Johan de Meij con arranxos de Paul Lavender; e The Rolling Stons on tour, arranxada por Patrick Roszell.
O festival rematou con intercambio de agasallos entre a directiva de Amadores da Música, de Ribadeo, e a Asociación Cultural Musical Sementeira, de Narón, responsable da banda que participou onte no festival ribadense.