A Mariña, 1 de xullo, 2025. O grupo Isaac-Sargadelos, formado por un conxunto de artistas, comerciantes e asociacións culturais, creado de forma espontánea a partir das inquietantes noticias do peche da actual fábrica de Sargadelos, quere convidar á cidadanía en xeral, a unha Romaría, que terá lugar o sábado 12 de xullo de 2025 no escenario do xantar do merendeiro ao pé do Paseo dos Namorados do Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos e na Sala das Carboeiras.
“Queremos mostrar e compartir a importancia material e emocional que supuxo e supón a Fábrica de Sargadelos, tanto no eido creativo e cultural como no laboral e social”.
Para divulgar o acto a nivel gráfico, cóntase co cartaz deseñado por Xosé Blanco. O escenario do xantar terá unha decoración a modo de estandartes realizados por Manuel Miranda Ruíz.
“Queremos facer visible a memoria da idea de Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo regada de traballo incansable no desenvolvemento dun proxecto que compaxinou unha inxente actividade laboral, artística e cultural, non solo na localidade de Sargadelos como centro creador material da mesma e no complexo do Castro, senón que espallouse por toda Galiza ó resto do Estado e mesmo internacionalmente”.
“O noso obxectivo é que a cidadanía e o pobo que de maneira máis próxima aínda conserva a memoria fértil de Isaac Díaz Pardo e Mimina, poda achegarse ás experiencias vividas, e mesmo que participe de xeito individual dende a propia experiencia persoal arredor da Fábrica”.
“Animamos ás persoas a compartir con nós a seguinte programación que imos a desenvolver o sábado 12 de xullo”:
Ás 12 do mediodía, na Sala das Carboeiras, farase unha pequena introdución do que se desenvolverá ó longo da xornada.
Proxectarase un audiovisual titulado: “As miradas de Isaac” da autora Cecilia Díaz.
A continuación, o músico David Bellas interpretará unha composición inédita baseada nas imaxes recompiladas sobre a vida da fábrica, divulgadas nas redes sociais baixo o nome Isaac- Sargadelos.
Ás 14 horas darase paso o xantar de irmandade, no que se pretende repetir as merendadas tradicionais e familiares que se celebran en Sargadelos desde hai 200 anos, cando Ibáñez instalou aquí o pioneiro alto forno, onde cada quen traerá o que considere para comer ou beber, contando co apoio do café bar cultural A Sacabeira para aquelas persoas que non queiran cargar coa bebida. Entre o inicio do xantar e ate as 17 horas, aqueles ou aquelas que queiran libremente amenizar musicalmente a xuntanza, terán plena liberdade para facelo.
Ás 17 horas na Sala das Carboeiras presentarase unha mesa redonda co título: “A fusión entre industria, arte e territorio, un modelo adiantado o seu tempo” presentado e moderado por Roberto Pérez Vila, no que inicialmente intervirán : Xosé Díaz, Camilo Díaz, Juan Carlos Enriquez e Fernando Redondo (presidente da Fundación Neira Vilas). Así mesmo, intentarase conseguir as opinións persoais en vídeo de diversas persoas vinculadas coa fábrica, como Andrés Varela, Manuel Rivas entre outros/as. Este coloquio está aberto ó público en xeral e a todos/as aqueles/as que queiran intervir para contar a súa experiencia arredor da fábrica.
Pecharase o acto ás 19 horas coas actuacións especiais na Sacabeira de Miro Casabella e o grupo Catro Nun Zoco, formado por Mini, Iria e Navia Rivas e a violinista Mariña Quintillán. (Tanto na Sala das Carboeiras como na Sacabeira o acceso dependerá do aforo).