Os deputados do Grupo Provincial Popular preguntarán no pleno de mañá directamente ao presidente “canto nos vai custar aos veciños da provincia de Lugo a tregua temporal do Partido Socialista para que José Tomé poida seguir á fronte do goberno da Deputación?”
Lugo, 28 de xullo de 2025. Os deputados do Grupo Provincial Popular preguntarán no pleno de mañá “canto nos vai custar aos veciños da provincia de Lugo a tregua temporal do Partido Socialista para que José Tomé poida seguir á fronte do goberno da Deputación?”.
Así o explicaron o voceiro popular na Deputación, Antonio Ameijide, e a presidenta do PP de Lugo, Elena Candia.
Antonio Ameijide indica que “todos os lucenses merecemos ter luces e taquígrafos” na Deputación de Lugo, en referencia a que “José Tomé ten a obriga de explicar claramente que pactou para seguir á fronte da Deputación de Lugo e do Partido Socialista”.
O popular explica que “é coñecido que no PSOE a José Tomé non o quere ninguén, agás aqueles aos que é capaz de comprar cada venres cos cartos de todos os lucenses” motivo polo que “todos os lucenses merecemos explicacións: saber que comprometeu a cambio de seguir sentado nese sillón”.
E precisamente esas son as respostas que o presidente da Deputación ten a obriga de dar no pleno de mañá: “Canto nos vai a custar aos lucenses esa tregua temporal dentro do PSOE; que lle prometeu aos deputados e alcaldes que non o apoian; e canto nos vai a levar pagar esta débeda de José Tomé para que poida seguir á fronte da Deputación e do PSOE lucense”.
“Nestes dous anos de goberno de PSOE e BNG a provincia perdeu moito tempo. A residencia de Becerreá pechada por capricho político, outras con ritmos de construción ridículos e os centros de día sen poñer en servizo. Nula política industrial e de captación de empresas, sen apoio aos emprendedores. As estradas provinciais seguen abandonadas, renunciaron a ser o motor turístico da provincia… Insisto, dous anos perdidos para os lucenses”, sentenciou Ameijide.
MÁIS TENSIÓN NA DEPUTACIÓN CON JOSÉ TOMÉ
A presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, recorda que “cando José Tomé asumiu a presidencia da Deputación dixo que quería recuperar a normalidade democrática para a institución”, pero o acontecido nas últimas semanas “cando tres dos seus deputados non asisten a un pleno e impiden, evidentemente, que saían adiante os acordos que impulsa o propio Tomé, a normalidade non existe”.
Elena Candia incide en que “tras unha xornada absolutamente esperpéntica, venderon á cidadanía que chegaron a un acordo” simulando que a situación se reconducira, “pero os acordos das xuntas de goberno da Deputación evidencian o que é a todas luces un pacto oculto”.
“Por iso queremos que explique á cidadanía que acordou José Tomé cos deputados do partido socialistas. Canto lle vai a custar a todos os lucenses a súa falta de entendemento, a súa falta de empatía e a súa actitude ditatorial, que así é definida polos seus propios compañeiros”, sentenciou.
PRIMEIRAS CUOTAS
Dende o Partido Popular sinalan que, pese a que José Tomé non fixo público o pacto ao que chegaron, “as primeiras cuotas xa se pagaron” en relación ao convenio asinado hai uns días entre a Deputación e o Concello de Castroverde por valor de 562.677,58€ e a suba da dedicación ao deputado Iván Castro, que pasou de ter unha dedicación ao 50% a unha ao 75%.
“Está claro que José Tomé ten unha crise interna aberta dentro do PSOE e que está a usar os cartos de todos os lucenses para tentar calmar as voces internas que critican diariamente a súa xestión”, sentencian.