“A provincia de Lugo está á cabeza das que menos paro teñen, un dato que reflicte a boa xestión dun Goberno que pensa na xente”, destaca César Mogo
Lugo, 28 de xullo de 2025. O PSdeG-PSOE na provincia de Lugo fixo este luns unha valoración dos dous anos de Goberno de Pedro Sánchez, poñendo en valor os investimentos históricos e as medidas lexislativas que permitiron avanzar en cohesión territorial, creación de emprego e dereitos sociais. Na rolda de prensa celebrada na sede do partido en Lugo participaron Pilar García Porto, Vicesecretaria Xeral e Secretaria de Organización; Patricia Otero, Deputada por Lugo no Congreso; César Mogo, Senador por Lugo; e Miguel Fernández, Presidente de Honra do PSdeG provincial e Alcalde de Lugo.
A Secretaria de Organización, Pilar García Porto, destacou que “estes anos de Goberno socialista marcaron un punto de inflexión para a provincia de Lugo, cun investimento en infraestruturas que supera os 746 millóns de euros”. Entre os principais proxectos, destacou os 650 millóns destinados á modernización da liña ferroviaria Ourense-Monforte-Lugo, os 30,9 millóns da nova Estación Intermodal de Lugo, e os 30,4 millóns para a rehabilitación estrutural da A-6. Así mesmo, puxo en valor iniciativas estratéxicas, como o Plan Único de Banda Larga, que mobilizou 22,4 millóns de euros, e o programa Kit Dixital, que achegou 112 millóns de euros a toda Galicia.
No ámbito industrial e enerxético, Porto puxo en valor os 8,7 millóns do PERTE agroalimentario e os 3,2 millóns de euros do programa PIREP para mellora de edificios públicos municipais. Referiuse ademais ao programa DUS 5000, que impulsou proxectos de enerxía limpa con 3,3 millóns de euros en concellos como Baralla, O Vicedo ou A Pontenova. Destacou tamén iniciativas innovadoras, como Begonte Genera, con 2,4 millóns de euros destinados a unha comunidade enerxética con tecnoloxía de xeración renovable e almacenamento intelixente. “Lugo está á cabeza das maiores inversións da súa historia grazas ao Goberno de Pedro Sánchez”, concluíu.
O Alcalde de Lugo, Miguel Fernández, puxo o foco na cidade e afirmou que “a mellor forma de facer unha valoración realista e obxectiva é ofrecer datos”. Subliñou que o Goberno de España investiu en Lugo máis de 66 millóns de euros en infraestruturas, vivenda, servizos públicos, educación e igualdade.
Entre as actuacións máis relevantes destacou os 12,5 millóns de euros da electrificación da liña Lugo-Monforte-Ourense, os 11 millóns para vivenda social, os 30,9 millóns da Estación Intermodal, e os 30,4 millóns destinados á rehabilitación da A-6.
Fixo referencia a compromisos como a nova comisaría da Policía Nacional, a glorieta de conexión da N-6 coa rúa Alfonso X O Sabio ou a iluminación da rotonda de Nadela. “A rolda norte, a Ponte Branca… son proxectos nos que estamos traballando da man do Goberno de España”. “A valoración non pode ser máis que positiva. Estamos encantados de seguir traballando xuntos, porque están sendo sensibles ás nosas demandas”, concluíu.
A Deputada por Lugo, Patricia Otero, destacou que “nos atopamos na metade da lexislatura e temos que desmentir a mensaxe do PP: non hai ningunha parálise lexislativa”. Lembrou que “son 42 leis aprobadas no Congreso, moitas delas xa en estado avanzado de tramitación, que serán aprobadas nas vindeiras semanas”.
Otero reivindicou o impacto directo das políticas do Goberno de Pedro Sánchez na provincia, como a subida histórica das pensións, que “benefician a tantas e tantos pensionistas da nosa provincia”. Tamén destacou as bolsas históricas para a mocidade e as axudas ao transporte, tanto para xente nova como para outras franxas de idade.
“Hoxe levantámonos coa noticia de que Lugo ten a segunda taxa máis baixa de paro de toda España. Só pode ser froito da reforma laboral, que non contou co apoio do PP”, afirmou. “O que se fai no Congreso marca o día a día das nosas veciñas e veciños de Lugo, e o PP nunca está cando se lle precisa”.
Así mesmo, Otero foi especialmente contundente co uso político que o PP fai do transporte no rural. “Levan dous anos dicindo que o Goberno central vai eliminar paradas de autobús na provincia. Levan dous anos con esa mentira e agora caéuselles a careta”. Explicou que “a semana pasada, o Goberno de España ofreceulle formalmente á Xunta de Galicia a posibilidade de asumir as liñas de autobús interurbano e manter todas as paradas actuais, poñendo enriba da mesa 1 millón de euros para garantir a continuidade do servizo. Sen embargo, a Xunta non deu resposta”.
“Queremos deixar claro que esas paradas están garantidas polo Goberno de Pedro Sánchez. Se a Xunta non as mantén, farao o Estado”, asegurou. “Unha vez máis, este Goberno cumpre con Lugo, garantindo unha mobilidade accesible para todas e todos”. “Acabáronse as escusas para a Xunta. Levan dous anos mareando a perdiz e metendo medo á cidadanía”, concluíu.
O Senador por Lugo, César Mogo, acusou ao Partido Popular de practicar unha política falsaria, “baseada en falsedades”. Sinalou que “non houbo unha soa obra de envergadura na provincia de Lugo durante os anos de Goberno do PP”, e citou como exemplo a estación intermodal “que eles meteron no caixón” e a A-54 “que paralizaron eles”.
Mogo criticou o comportamento dos populares nas institucións. “Votan en contra de todo, mesmo da lingua. No Congreso fálase en galego, euskera e catalán; no Senado só podemos falar os mércores pola tarde, e tamén votan en contra diso”.
Concluíu lembrando que “a provincia de Lugo está á cabeza das que menos paro teñen, un dato moi relevante desde o punto de vista da xestión dun Goberno que pensa nos cidadáns de Lugo”.