“Todos os proxectos que recollen estes orzamentos foron deixados listos polo goberno socialista. Non hai nada novo, nin en proxectos, nin en ideas”, subliñou a voceira María Loureiro
Viveiro, 24 de xullo, 2025. O PSdeG-PSOE de Viveiro votou a favor dos orzamentos municipais presentados polo novo goberno local no pleno celebrado este mércores, a pesar de considerar que “están marcados pola improvisación, e son continuistas dos anteriores orzamentos dos gobenos socialistas, a pesar das súas críticas cando estaban na oposición”.
0s socialista insistiron en que o seu voto responde a “un exercicio de responsabilidade” conscientes de que “sen orzamentos paralízanse os proxectos, frean as axudas e resíntese a calidade dos servizos públicos”. “Sabemos ben o que implica gobernar cun orzamento prorrogado, e non queremos poñer paos nas rodas, como o fixo o PP durante anos nos nosos mandatos”, sinalaron.
Jesús Fernández exconcelleiro de Facenda advertiu que esta primeira prosposta económica do novo executivo “xa demostra o que temíamos: que o seu único obxectivo coa moción de censura era desaloxarnos do goberno, sen ofrecer unha alternativa sólida”. Subliñou que estes orzamentos “son continuistas co modelo que deixamos. Non supoñen ningún avance, e con iso queda claro que os orzamentos dos gobernos socialistas anteriores non eran tan malos, dado que se seguen mantendo os mesmos criterios”.
Pola súa banda, a voceira, María Loureiro, destacou que todos os proxectos incluídos nos orzamentos “foron deixados canalizados e con finanzamento previsto polo goberno socialista anterior: a humanización da Rúa do Porto de Celeiro, as beirarrúas de Magazos, as carpas de Semana Santa e da Festa da Merluza, a deshumefectadora da Piscina, para poder arranxar o vaso pequeno, tamén na piscina a remodelación de todos as máquinas do ximnasio, os 20.000 € para a festa de Naseiro do 2024, as obra no Pombal de Vieiro, ou o Barrio do Conexo en Covas, ou a obra no colector en Rio de Loiba”.
En canto á partida de orzamentos, Loureiro calificou de “irrisoria” que cae só a 42.293 fronte aos 773.000 recollidos nos últimos orzamentos do anterior goberno. “Onde están os ivestimentos prometidos en equipamentos culturais, deportivos ou urbanísticos,anunciados por Por viveiro e o Partido Popular na Moción de censura?, onde están os 300.000 eu prometidos para o Conservatorio?”, lembrando que a competencia exclusiva do conservatorio é da Xunta de Galicia. “E xa non imos preguntar polos 6 millóns comprometidos para obras”.
Dende o PSOE de Viveiro reiteraron que exercerán “unha oposición firme, con sentido de responsabilidade, por convicción e compromiso coa veciñanza”.